Puntuación: 1.9/5 (39 votos)
Tralo éxito obtido en Cataluña, considerada como a novela estrela da literatura catalá actual, Ézaro Edicións edita en galego o best seller de Albert Sánchez Piñol “A pel fría”, traducida polo Premio á Tradución de 2005, Mercedes Pacheco.
A obra, que figura desde os últimos anos nas listas dos libros máis vendidos, converteuse no título máis traducido da literatura catalá actual, a unhas 30 linguas, a última ao chinés.
Agora, por fin, desde o mes de outubro, poderemos gozar desta obra, que aseguramos non deixará indiferente a ninguén, en galego.
En “A pel fría” encérrase unha profunda crítica sobre a sociedade humana. Trátase dun relato sobre o poder, e o seu efecto corrosivo sobre as persoas, que se mostra baixo a inocente aparencia da historia fantástica de dous homes que intentan sobrevivir nunha illa deserta, soportando o ataque de monstruosas criaturas mariñas que só queren destruílos.
“A pel fría” parte dun relato simple, que non é outra cousa que a metáfora que lle permitirá elaborar un detallado mapa da natureza humana, dos odios e paixóns que nos dominan, e do moito de irracional que hai no noso comportamento.
Piñol manexa unha prosa clara, aditiva, universal, rica en metáforas que buscan, xunto ao texto, a bipolaridade do sentimento e o facer humanos. En varias ocasións comparouse esta obra coa de autores como Conrad, Stevenson e Lovecraft.
Ademais de escritor, Albert Sánchez Piñol (Barcelona, 1965) é antropólogo, vocación que se transparenta ao longo de toda a novela. publicara anteriormente o ensaio “Pallasos i monstres” sobre oito ditadores africanos e a selección de contos “Lles edats d'or”. Destaca tamén o éxito obtido coa súa segunda novela “Pandora no Congo”, da que xa se venderon os dereitos de tradución a oito linguas.
[Presentación editorial]