Puntuación: 2.3/5 (66 votos)
Cando Gunnar Huttunen aparece nunha vila perdida de Laponia e decide mercar e pór en funcionamento o vello muíño que hai á beira do río Kemi, os labregos da veciñanza rinse del. Só a un tolo se lle ocorrería afrontar semellante proxecto. E aínda que deberán renderse á evidencia do éxito da empresa, aquel extravagante individuo, capaz de engaiolar durante veladas enteiras aos rapaces da aldea coas súas imitacións de animais e de veciños, revela un defecto que os fará reafirmarse no seu primeiro diagnóstico: nos momentos de tristura Gunnar –Kunnari para os veciños– ouvea. As noites pasadas en vela polos aldeáns por causa dos ouveos serviranlles de pretexto para intentar encerrar nun manicomio o imprevisíbel muiñeiro. Porén, Gunnar, axudado pola adorábel Sanelma Käyrämö, tratará de defender a súa liberdade con todas as forzas.
Arto Paasilinna (Kittilä, Finlandia, 1942) foi gardabosques, xornalista e poeta antes de converterse en novelista de culto no seu país, onde cada novo libro seu (xa máis de trinta) se vende por milleiros. A súa escrita, limpa e precisa, ten a capacidade de contar de forma cómica as historias máis tráxicas e desconcertantes, que ambienta sempre nunha natureza vista con respecto e amor, e protagonizadas polos seus prototipos de homes finlandeses, algo anárquicos e individualistas. O muiñeiro ouveador é o segundo libro de Paasilinna editado por Rinoceronte.
[Presentación editorial]