Puntuación: 2.1/5 (42 votos)
Esta é Xirafa. Xirafa é moi alta.
Este é Crocodilo. Crocodilo é moi baixiño.
Entre eles hai moita diferenza: máis de dous metros.
Pero, a pesar disto, son parella:
unha parella de namorados.
Os protagonistas deste relato son unha atípica parella de namorados que vencen -a base de enxeño e un chisco de humor- as dificultades que lles plantexa a convivencia. Porque as trabas que poden supoñer uns cantos centímetros de diferenza de estatura entre ámbolos dous son amplamente superables coa forza do cariño. Unha das primeiras probas que han de superar é atopar unha casa para os dous, cómoda para as súas respectivas necesidades. A solución, deseñala a medida...
Tras "Crocodilo namorado", FAKTORÍA K presenta este segundo título dunha serie de álbums protagonizados polos personaxes de Crocodilo e Xirafa. Outros traballos da mesma autora e ilustradora que forman parte do catálogo de FAKTORÍA K son "Leopoldo e Casilda", "Que leria de cordóns" e "Co dedo no nariz", todos eles dispoñibles en galego e castelán.
A obra de Daniela Kulot ten unha grande aceptación entre o público infantil por aspectos tan importantes como a elección dos personaxes, case sempre identificados con animais humanizados; a variedade cromática das súas ilustracións e os temas que expón nos seus libros: historias baixo as que subxacen mensaxes de moita utilidade para a aprendizaxe e a formación en valores dos lectores. Así, nesta fábula moderna, a moralexa fala tamén de tolerancia, respecto aos demais e aceptación das diferenzas.
[Presentación editorial]