Puntuación: 2.0/5 (48 votos)
Moscova, comezos da década de 1920. En plena epidemia de desfalcos de cartos públicos, dous funcionarios soviéticos, o contable Filip Stepánovich e o caixeiro Váñechka, van cobrar ao banco o cheque para pagarlles a nómina aos empregados. Tras uns grolos de vodka nunha taberna e empurrados polo malicioso ordenanza Nikita, espertan nun tren que está a piques de chegar a Leningrado. Nesa cidade comezarán a dilapidar os cartos das nóminas, aínda que sen moito proveito para eles.
As chispas de humor saltan dunha páxina a outra, aínda que cara ao final se van apagando para ceder o seu lugar ás amarga realidade. A longa esmorga rematará de xeito inesperado para os protagonistas e, quizais, para o lector...
Valentín Katáiev (1897-1986) iniciouse na literatura como poeta. Tras o servizo militar converteuse en xornalista ao servizo da propaganda soviética. É autor de numerosas obras de distintos xéneros: novelas, contos, pezas, guións de cine, artigos xornalísticos, crónicas, memorias... En 1946 foille outorgado o Premio Estatal da URSS pola obra O fillo do rexemento, sobre a II Guerra Mundial. Foi membro da Academia de Maguncia (Alemaña), dende 1973 e da Academia de Goncourt (París) dende 1976. A súa obra foi un canto realista á vida e á xente do país soviético.
A novela satírica "O desfalco" foi concibida por Katáiev en 1925, en pleno período da Nova Política Económica, cando o Estado soviético empezou unha campaña de persecución contra os numerosos malversadores dos fondos públicos. Para o argumento utilizou varios materiais xornalísticos reais da época. Esta obra, que se publicou por primeira vez por entregas nunha revista en 1926, consolidou o seu prestixio literario. En 1927 o teatro moscovita MJAT encargoulle a Katáiev unha peza baseada no libro. Tanto a novela como a peza foron traducidas a numerosas linguas europeas.
[presentación editorial]