Puntuación: 2.1/5 (47 votos)
Volve Alfredo Conde recrear a Historia nunha novela, desta volta trátase da defensa da cidade da Coruña fronte ás tropas de Sir Francis Drake, episodio no que se forxou o mito de María Pita. A súa nova novela, titulada “María das Batallas” e publicada por Editorial Galaxia na colección Literaria, é un fresco vivo daquel tempo, unha narración na que os propios protagonistas relatan os feitos desde diferentes puntos de vista.
Rigorosamente documentada e baseada nos datos históricos, “María das Batallas” é unha
novela escrita con toda a forza e a intensidade dos acontecementos que nela se narran. Alfredo Conde conta a historia de María Pita e da defensa da cidade da Coruña fronte ao ataque das tropas de Sir Francis Drake cunha prosa directa e ricaz. Crónica duns feitos ao tempo que retrato dos personaxes a través de cuxa voz se conta o cerco da cidade herculina en 1589.
Construír ese puzzle brutal que foron as vidas de María Pita e mais de Francis Drake é o
desafío ao que o autor de “Xa vai o griffón no vento” lle fai fronte con enorme habelencia narradora. Alfredo Conde fai revivir aquelas vidas que se cruzaron sen chegar a encontrase durante o cerco da Coruña. “María das Batallas” é unha aventura inesquecible, na que a historia volve facerse presente e na que as figuras dunha época, os heroes, volven ser de carne e óso por mor da arte da ficción.
[Presentación editorial]