Puntuación: 2.0/5 (37 votos)
Este libro fala dun territorio pouco coñecido, moi castigado pola emigración, os encoros e os parques eólicos. É unha viaxe literaria seguindo o percorrido dun río simbólico, enigmático e particular: o Xallas, que posúe diferentes denominacións ó longo do seu traxecto, pero que foi con esta coa que nomeou toda unha bisbarra. Posúe -posuía ata fins do s. XX- a particularidade, ademais, de ser o único de toda a vertente atlántica que desemboca en fervenza. Pero non se trata dunha viaxe exclusivamente físico-xeográfica, senón que sobre todo é un itinerario pola historia, a arqueoloxía, a cultura, a lingua, a tradición, a mitoloxía, os procesos económicos.. .A globalización do coñecemento torna asimétrica cando a fascinación polas pirámides afoga na indiferenza as pegadas que inzan a terra que pisamos. É preciso entenderse para entender os outros. De forma amena e cun coidado e particular estilo, o seu autor vainos introducindo e conducindo no coñecemento profundo e rigoroso desta extensa e rica comarca coruñesa, conformando un texto imprescindible para todos aqueles, veciños e visitantes, que queiran achegarse a un mellor entendemento da realidade de Xallas, que en certa medida pode constituír unha boa mostra da Galicia rural interior, de como podemos existir sen esvaecérmonos.
[Contracapa do libro]