Puntuación: 2.0/5 (43 votos)
...Isabel e Nicolás voan no seu barco. Coa axuda das cegoñas transfórmano nunha arca acolledora. Todos os que sofren na Terra atopan un sitio abordo...
1800 nenos do mundo traballaron con Quentin Blake para facer despegar esta asombrosa historia.
Este libro é o resultado do traballo conxunto entre o escritor e ilustrador británico Quentin Blake con nenos de Gran Bretaña, China, Irlanda, Luxemburgo, Noruega e Francia. Reuníronse e intercambiaron correspondencia durante un ano, opinando sobre o humanismo, a situación do mundo e as inxustizas que se cometen na actualidade. O obxectivo era facer un libro no que os cativos puideran plasmar a súa idea dun mundo mellor, no que a amizade e a solidariedade estiveran por riba da desigualdade e da violencia.
O barco voador é o símbolo da liberdade; os seus tripulantes, os promotores dunha serie de arriscadas accións de rescate: dende que acollen a unha cegoña ferida, outras vítimas doutras tantas situacións de perigo atopan refuxio nel. Así encadéanse unha serie de reflexións sobre a discriminación por razón de raza, a lacra do traballo infantil, a contaminación, os conflictos bélicos...
Quedan moitas máis causas nobres que defender, moitas persoas que sofren, moitos países sumidos na pobreza, na guerra, moitos nenos que carecen de oportunidades... Cómpre que os lectores aprendan con esta obra colectiva cales son os motivos polos que paga a pena intentar que o mundo sexa máis habitable.
[Presentación editorial]