Puntuación: 2.0/5 (55 votos)
Preséntanos agora un libro de relatos, "Cemiterio de elefantes", unha excelente crónica sobre o mundo da noite e dos noctámbulos.
O libro estende a súa trama narrativa en torno a ese mundo máxico, sinistro, encantador, misterioso e atractivo que é a noite. A acción do primeiro relato comeza ás 12.00 AM, cando a noite cae sobre a cidade, e o último remata pasadas as 8.00 AM, co amencer dun novo día. A través de nove contos diferentes pero habilmente entrelazados entre si, vai transcorrendo a vida nocturna dunha cidade, con todo o seu poder e a súa forza deslumbrante, pero tamén con toda a traxedia e a dor dos seus personaxes.
Entre almas perdidas, corazóns solitarios, noctámbulos, insomnes, prostitutas, marxinados, as páxinas de "Cemiterio de elefantes" constrúen historias densas, marcadas polo pulular dunha fauna de noctámbulos que se move con espírito furtivo por pubs, discotecas, programas de radio nocturnos, e por escenarios diversos, poboados por varrendeiros, xornalistas, estudiantes ou camareiros.
Relatadas con realismo, con humor, con actualidade, as historias urbanas e nocturnas de "Cemiterio de elefantes" móvense con fluidez entre a Galicia eterna e a Galicia moderna, escritas cun sorprendente estilo persoal que combina o interese da acción co suxestivo do xogo literario.
O autor aposta por unha literatura vitalista, conectando coa súa obra literaria anterior, para afondar nunha poética persoal e nunha liña temática e semántica de seu que, de seguro, divertirá e satisfará ó lector.
[Presentación editorial]