Puntuación: 1.9/5 (35 votos)
A analítica mirada de Francisco Pablos consegue que o panorama global da pintura galega resulte ó mesmo tempo unha obra profunda e amena.
Dos pioneiros Gregorio Ferro e Antonio Puga ós últimos valores agrupados baixo o pígrafe “Presencias e esperanzas”, pasando polos románticos, os impresionistas, renovadores históricos, vangardistas.... Ducias de artistas son acollidos nestas páxinas. A vontade clarificadora, a orde, a claridade expositiva e as novidosas propostas fan de "A pintura en Galicia, do XVII ás últimas tendencias" un libro imprescindible para aqueles que aspiren a entender o xeito galego de interpretar o mundo a través da arte.
Historiar e glosar todo canto se relaciona coa pintura en Galicia nun volume manexable como o presente, profusamente ilustrado –posto que se trata de dar resposta a un espectáculo eminentemente visual–, constitúe todo un reto para o autor e os seus editores. Repárese en que tivemos que abarcar catro séculos no tempo, os dous últimos, especialmente o derradeiro, moi intensos, sen esquecer institucións, movementos e publicacións máis ou menos duradeiras que contribuíron á difusión da plástica bidimensional. Así ha de impoñerse a síntese, a biografía sucinta e o breve comentario crítico.
Dado que na bibliografía existente ata o momento –abundantísima nos anos máis recentes–, non existe unha visión de conxunto que abarque a pintura desde o primeiro nome senlleiro, no século XVII, ata os máis novos valores, decidímonos por presentar un panorama xeral, máis intenso que extenso, que constitúa, para o lector interesado, un punto de partida. Punto de partida que, por suposto, terá que ser ampliado en monografías e catálogos que aborden en detalle determinados períodos ou nomes destacados.
Estudiamos, brevemente, cerca de dous centenares de artistas e cantos grupos ou movementos de importancia se teñen producido no noso país e a proxección nacional ou internacional que, algúns deles, conseguiron. E ofrecemos unha bibliografía case exhaustiva para orientar ó lector nesa tarefa de máis ampla información.
A pintura en Galicia atópase nun momento excepcional. Sen dúbida, merece a análise á que nos temos comprometido, abandonando o secundario en pro do fundamental e imprescindible. Desde estes postulados sentímonos satisfeitos de prestar un servicio á cultura galega.
[presentación editorial]