Puntuación: 1.9/5 (36 votos)
Logo do golpe militar de xullo de 1936, unha represión brutal e sistemática caeu coma un lóstrego sobre o movemento obreiro, os agrarios e as organizacións políticas da Fronte Popular no Porriño, concello situado no sur da provincia de Pontevedra.
Esta represión –en particular sobre os que participaron na resistencia- é estudada nesta obra nas súas variadas facianas, tomando como ámbito territorial o concello do Porriño, as súas xentes e aquelas outras da comarca que atoparon a morte neste territorio. Deste xeito relaciónase un ronsel de persoas asasinadas, fusiladas, encarceradas, exiliadas, fuxidas ou que padeceron outro tipo de represalias, sacando á luz pública os seus nomes, as súas biografías, os lugares da morte e todos aqueles datos relevantes que foron atopados ao longo da investigación.
O estudo aporta 74 vítimas mortais que na súa maior parte non figuraban nas diversas listaxes sobre o cómputo global da represión na Galiza. Desas vítimas 50 eran porriñesas (naturais ou domiciliadas) e 24 pertencían aos concellos da comarca, destacadamente ao antigo concello de Lavadores hoxe anexionado a Vigo.
Recóllense tamén unha serie de datos sobre a política local nos meses previos ao alzamento: as eleccións de febreiro de 1936 e o triunfo da coalición de esquerdas, o acontecer político local ata o golpe militar –nomeadamente as accións e proxectos da nova corporación municipal- e a participación na resistencia ao fascismo. Complétase a obra cun extenso anexo de documentos escritos, en grande parte, por varias das persoas que foron asasinadas e cunha galería de fotografías dos protagonistas do libro.
O rigor documental dos datos que se expoñen pretende ser a máis acaída homenaxe a esta extensa nómina de vítimas que sufriron a morte e as penalidades do levantamento. O libro leva o número 16 da colección O Fardel da Memoria de Edicións A Nosa Terra.
[Presentación editorial]