Puntuación: 2.0/5 (36 votos)
Con esta obra, Sotelo Blanco Edicións inicia, en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, a nova colección Zona Verde, coa que se tentará traer ao debate público os temas máis candentes da problemática ambientalista do noso país.
Este volume fornece ao lector dun recurso divulgativo sobre unha temática que adoita ser inaccesible para boa parte da cidadanía. Non só ofrece unha descrición minuciosa da orixe e dos procesos industriais que dan lugar a unha produción de enerxía moi por en riba das necesidades propias, senón que fai unha radiografía completa do esqueleto enerxético galego e nos introduce en conceptos xerais sobre un asunto tan candente como é a xeración e consumo enerxéticos na sociedade actual e as súas consecuencias para o medio ambiente.
Contra a crenza xeral, en Galiza obsérvase unha forte dependencia das fontes de enerxía fósiles, non renovables e foráneas. Aínda sendo unha potencia hidroeléctrica e eólica mundial, preto do 90% da enerxía xerada en Galiza non é renovable. Dúas terceiras partes da enerxía eléctrica producida expórtanse directa ou indirectamente do país. Por outra banda, os ecosistemas fluviais galegos están gravemente deteriorados e os cumes das nosas montañas están sendo convertidos en parques industriais. Galiza é hoxe unha potencia internacional en emisión de gases de efecto invernadoiro, pois no noso territorio funcionan dúas grandes centrais térmicas, sendo unha delas a máis contaminante do Estado español… Estes e outros datos de interese están aquí documentados e expostos de xeito ameno e conciso.
A pegada ecolóxica do sistema enerxético galego é, pois, unha obra de referencia nestes tempos de cambio climático e de desastres medioambientais sen parangón na historia da humanidade. Unha obra dirixida ao público en xeral e, especialmente, ás novas xeracións, cada vez máis preocupadas por un futuro que se lles presenta, cando menos, incerto.
[Presentación editorial]