No ano 2007 conmemóranse os cen do nacemento do polígrafo e intelectual boirense Ramón Martínez López. Trátase dun nome fundamental entre os daqueles que posibilitaron o nacente pensamento e praxe galeguistas do século XX, que tanto e tan bo labor fixeron en defensa e prestixio da nosa cultura, da nosa lingua e da nosa identidade como nación. E non obstante o anterior, a personalidade de Ramón Martínez, coma a de tantos outros dos seu coetáneos, probablemente non é, na actualidade, todo o coñecida nin todo o valorada que debese. Abonde con dicir que estamos a falar dun dos fundadores do meritorio Seminario de Estudos Galegos, catedrático de bacharelato, profesor universitario, escritor, agregado cultural na embaixada española en Lisboa, membro do histórico Partido Galeguista e, como consecuencia de tanta valía, ilustre exiliado, neste caso nos EE.UU., onde apreciaron a súa formación e maxisterio acolléndoo e aprendendo del nas súas aulas como profesor na Universidade de Texas. Cando volveu entre nós seguiu comprometido con Galicia en diversas frontes e ata o final dos seus días. Soamente estas son razóns suficientes para darmos a coñecer, como mellor forma posible de homenaxe póstuma, a vida e a obra deste galego ilustre. [Contracapa do Libro]