Puntuación: 1.8/5 (77 votos)
Temos ante nós un libro orixinal e atípico que recolle unha serie de relatos policiais variados e, aparentemente, sen ningunha peculiaridade definitoria máis co xénero literario. Sen embargo, é a procedencia dos autores o que máis liga esta obra. Por unha banda, temos homes e mulleres integrantes dos diversos corpos de policía de Galicia, xa con certa experiencia literaria, que nos relatan os feitos desde presupostos profesionais e da súa experiencia.
A través dela nos ofrecen o seu xeito de ver o día a día no seu traballo, aproveitando esta experiencia cotiá como fonte de inspiración para a súa creación literaria que queda dotada así dun importante grado de inmediatez e realismo.
Pero non todos os autores son profesionais dos corpos de policía, o libro tamén recolle unha serie de relatos elaborados por autores que nada teñen que ver coa función policial, moitos deles xa consagrados escritores, que nos achegan a través deles non só a súa peculiar visión da vida senón tamén o seu modelo ideal de policías desde a perspectiva do cidadán, un modelo cheo de romanticismo e estereotipos propios do mundo policíaco da literatura.
O conxunto destes autores crea unha obra colectiva onde o lector atopará relatos duros, curiosos, excitantes, intimistas, reflexivos, cheos de humor... pero todos eles inspirados na sociedade galega.
Asnan os relatos os seguintes autores: Carlos G. Reigosa, Antón Riveiro Coello, Antonio Prado Rodríguez, Antonio Reigosa, Helena Villar Janeiro, José Simal Gamallo, Tucho Calvo, Xosé Neira Vilas, Manuel Teijeiro Sande, Xosé Manuel Álvarez Costa; Manuel Mariño Castro, Roberto Gil Moure, Xosé Rodríguez Cruz, Emilio Fernández Vázquez, Elena Maya Gil, Luis García Mañá, Ana María Martínez Pérez, Antonio García Rivas, Enrique Mora Morandeira, Gonzalo Amoedo López e Enrique León Calviño.
[presentación editorial]