Puntuación: 1.8/5 (54 votos)
...Hussi cruzouse con procesións silandeiras de refuxiados a quen a guerra fixo perder o destino. E o tino. Conviviu con pantasmas angustiadas, rostros desamparados, o desasosego da esperanza, a tranquilidade do medo. E viu caer moita xente, devorada pola fame e pola desesperación.
O conflicto de Guinea irrompeu na vida de Hussi e converteuno nun neno soldado. Vivía coa súa familia en Porto dos Batuquinhos nunha casa pobre pero digna, con paredes de cartón, tellados de colmo, alfombra de terra batida... E coñecía a felicidade, que "tamén se fai de cousas pequenas". Pero nunha guerra "as balas nunca preguntan primeiro pola idade" e Hussi cambiou de súpeto o balón e a súa prezada bicicleta -un fermoso elemento máxico introducido no relato- polo campo de batalla: mensaxeiro, axudante de cociña, transportista de armas e municións ata a fronte...
Jorge Araújo escribe e Pedro Sousa pinta de acuarela este relato poético e descriptivo, inzado de metáforas, que rezuma humor e intelixencia. Sitúa ao lector na pel do protagonista e descúbrelle aspectos que denotan a súa alma infantil, porque Hussi "na vida, como no fútbol, xogaba coa cabeza no ar, co corazón no ceo".
Esta obra plantexa tamén unha reflexión necesaria sobre a inxustiza e a tiranía do poder, sobre a miseria dos desfavorecidos, a destrucción e a traxedia da morte. Porque as feridas da guerra deixan unha pegada imborrable: "un país moribundo, rúas desertas cubertas de cadáveres, casas feridas de bala...". Hussi foi unha víctima máis dese drama, como outros que aínda transcorren no mundo actual privando a moitos nenos dunha vida plena. Unha realidade que cómpre darlle a coñecer á xente nova, para conciencia los de que "a guerra é como andar nunha bicicleta, cando se aprende, nunca máis se esquece".
[Presentación editorial]