En Arturo Noguerol conflúen algúns aspectos da historia recente de Galicia que resultan extraordinariamente singulares. Por unha banda, naceu e viviu nunha cidade, Ourense, que foi a cerna do galeguismo de principios do século XX; por outra, formou parte dun destacado núcleo de intelectuais, organizados ó redor do Grupo Nós, que deseñaron a liña cultural máis importante de todos os tempos en Galicia.
Arturo Noguerol, avogado de formación, decidiu proclamar a súa visión da terra e a súa preocupación polas xentes traballadoras, ben nos grandes periódicos da época - A Nosa Terra ou La Centuria- , ben a través da súa militancia política e a súa participación nos mítins en defensa do Estatuto de Autonomía. A Arturo, como aconteceu con tantos outros tralo Alzamento Nacional, faltoulle tempo para afondar moito máis nesa realidade política plural que xurdiu en Galicia coa chegada da Segunda República. [presentación editorial]