Puntuación: 1.9/5 (72 votos)
Por primeira vez, reúnese toda a producción teatral de Álvaro Cunqueiro nun único volume, que Editorial Galaxia publica na Biblioteca de autor dedicada ao escritor mindoniense. Don Hamlet e outras pezas ofrece como novidade as obras Rúa 26 (Diálogo limiar), publicada en 1932 na revista luguesa Yunque, e Xan, o bo conspirador, escrita polo autor mindoniense no 1933. Con elas complétase un libro co teatro galego completo, pezas escritas por Cunqueiro entre os anos 1932 e 1968.
O libro "Don Hamlet e outras pezas" reúne todas as obras de teatro escritas por Álvaro Cunqueiro en galego, ampliando as anteriores edicións da obra dramática do autor de Merlín e familia. Aos textos recollidos no libro Don Hamlet e tres pezas mais, editado por primeira vez en 1974, engádense agora as obras Rúa 26 (Diálogo limiar), publicada en 1932 na revista Luguesa Yunque, número 6, e Xan, o bo conspirador, escrita polo autor mindoniense no 1933 e que se deu a coñecer posteriormente no número 60 da revista Grial, publicado en 1978. Ademais, o libro inclúe, como outra novidade, as dúas escenas de "A dama que engañada por un demo elegante quixo mercarlle ó vento a perdiz que falaba", que forman parte de "Si o vello Sinbad volvese ás illas" desde a súa primeira edición de 1961.
É daquela a primeira vez que o conxunto da obra teatral cunqueiriá escrita en galego aparece reunida nun volume específico, que queda ao dispor de lectores e lectoras como un novo título da Biblioteca Álvaro Cunqueiro. A concepción do texto teatral sobarda en Cunqueiro o teatro tradicional para facer da imaxinación e do mito unha proposta literaria que desafía a convención.
[Presentación editorial]