A lingua galega na cidade no século XX de Gabriel Rei-Doval, profesor de sociolingüística da Universidade de Wisconsin, ofrece unha aproximación á situación social do noso idioma no medio urbano. O libro aborda en profundidade a análise sociolingüística das cidades galegas no seu conxunto e céntrase nos principais indicadores de vitalidade do noso idioma nacional: coñecemento, lingua inicial, lingua habitual, usos na familia, usos escolares e usos laborais. Mais tamén afronta unha análise do cambio lingüístico, tanto intraxeracional como interxeracional, desde unha perspectiva novidosa. Ademais da visión do conxunto urbano, presenta unha análise comparada da situación do idioma nas sete cidades galegas. O libro achega importantes aspectos de interpretación, nomeadamente no terreo das interaccións lingüísticas familiares, sección na que se tratan non só as principais tendencias senón tamén as causas e motivacións do cambio lingüístico. Igualmente, presenta as principais liñas da evolución histórica do noso idioma ao longo do século XX, constituíndo así unha ferramenta moi útil para entender a historia social do galego no trascendental medio urbano. [Presentación editorial]