Puntuación: 1.9/5 (56 votos)
Logo de case vinte anos sen publicar poesía "Texas" representa o regreso de Alberto Avendaño a ese xénero literario. A colección Dombate de poesía achega aos lectores este novo percorrido poético dun autor sempre sorprendente, orixinal e cun enfoque da poesía que racha barreiras e prexuízos. Unha poesía con protagonistas, que conta historias e denuncia inxustizas. Un poemario que se mergulla na realidade. Para todo tipo de lector.
Alberto Avendaño foi un dos fundadores de "Rompente", colectivo que nos anos setenta protagonizou unha nova maneira de abordar o fenómeno poético. En "Texas" proponnos facer unha viaxe, unha descuberta, que leva ao lectora un confronto cos personaxes, as vidas, as linguas e as culturas que enchen o espacio límite da chaira do sur dos Estados Unidos, na fronteira con México. Alí viviu o autor durante varios anos e desa experiencia rescata personaxes e historias que fan vibrar non só polo seu potencial poético, tamén porque tocan aqueles aspectos da realidade que nos emocionan e non nos deixan nunca indiferentes.
Velaquí a historia dos marxinados: indios axustizados sen misericordia, inmigrantes condenados á miseria, pero tamén a paisaxe dos ranchos e das cidades, os horizontes inzados de pozos de petroleo e a historia dun Texas que foi independente. Alberto Avendaño bota man das cancións populares, desa cultura nada no risco, entre o espírito das tribos de indios e os disparos dos pistoleiros; visita os moteis da estrada e evoca a presencia de autores como Sam Shepard e do mesmísimo Jorge Luís Borges; tamén de galegos que deixaron pegadas naqueles territorios.
[presentación editorial]