Hai animais verdadeiros, reais, e outros fantásticos ou marabillosos que naceron da imaxinación humana, que pasaron a ocupar un espazo no imaxinario poético das civilizacións, nas mitoloxías, nos libros de contos e lendas tradicionais, alimentando así a sede de fantasía de nenos e adultos ao longo dos séculos.
Nesta galería represéntanse 19 animais máxicos versados por José Jorge Letria e ilustrados por André Letria. Pai e fillo agrupan os seus talentos neste libro que reúne beleza estética e literaria, logrando unha obra para todas as idades.
Estes animais fantásticos son unha viaxe a través da memoria dos tempos e da imaxinación dos pobos, que conseguiron concentrar esperanzas, soños e medos en animais creados precisamente polo colectivo social. E como a Ave Fénix -que aparece tamén representada no libro- estes animais conseguen renacer das súas cinzas, superando o esquecemento ao que estaban condeados pola Humanidade.
A publicación desta obra recibiu o apoio do Instituto Portugués do Livro e das Bibliotecas. [Presentación editorial]