Puntuación: 2.6/5 (57 votos)
Un cativo labrego, arrincado dos brazos da súa nai, queda marcado ao cruzar as bravas augas dun río. Ese mesmo neno decidirá anos despois erixir unha ponte naquel lugar, para unir os estremos do imperio que goberna. Unha ponte que marca a vida das xentes que habitan na súa bisbarra, e que nun mundo inestábel e axitado é o seu maior e máis prezado tesouro, testemuña das mudanzas dunha terra asentada entre dúas culturas, en constante e dramática evolución. Un universo de visires, comerciantes, labregos e soldados rodea a ponte, protagonista muda desta crónica de 300 anos. A ponte sobre o Drina é un cartafol cheo de relatos sobre a vida e os costumes do corazón de Europa, dende os comezos do dominio otom‡á até o estoupido da Primeira Guerra Mundial, con exemplos de pacífica convivencia entre as relixións e momentos de violencia desapiadada como fondo.
Ivo Andric (Dolac, Austria-Hungría, 1892–Belgrado, 1975), premio Nobel en 1961, foi o literato máis sobranceiro da extinta Iugoslavia. Diplomático á par que escritor até 1941, durante a ocupación nazi permaneceu retirado da vida pública, escribindo as obras que lle darían sona mundial: A ponte sobre o Drina, Gospodica e Crónica de Travnik. Mestre da descrición, dotado dun estilo coidado e milimétrico, a súa obra debulla as relacións entre as distintas fes e a convivencia de diversas culturas nun mundo afincado entre oriente e occidente: Bosnia e Herzegovina.
[Presentación editorial]