Puntuación: 2.0/5 (42 votos)
Begoña Soneira Beloso (Marín 1976), aínda que licenciada en Filoloxía Inglesa, dende que a coñecimos vímoslle a súa preocupación polas cousas que teñen relación co deseño, polo que non sorprendeu que lle descobrísemos algúns movementos como querendo saber que era iso do Laboratorio de Formas. Prácticamente saída dun master organizado pola USC, incorporouse ao noso grupo e destinada na montaxe dunha Galería en Milán, púxose en contacto cos mestres daquela cidade, tan importante no campo do deseño, e rexistrou o que pensaban. Iso merecía un caderno, aínda que ela o que quería era coñecer as tripas do L.F. do que axiña a fixemos secretaria, mais nós mesmos perderamos a memoria de tantas cousas que se fixeran dende a súa fundación hai 44 anos nos que os documentos gráficos en centos de miles, o mesmo que os escritos, se gardan nunha manchea de caixas e bolsas sen clasificar. Ademais estabamos nas portas, ou dentro, do Ano da Memoria e, relacionados co deseño, tiñamos unha débeda co drama dos arquitectos na Guerra Civil e no exilio, e tamén co arquitecto galego Constantino Candeira, tan vencellado a Galiza por unha banda e tan perdido para Galiza pola outra. E Begoña, disciplinada que é, resignouse a lle meter o dente á investigación destes dous temas. Mais agora os de Ferrol queren facer unha exposición do L.F. e así Begoña, a quen lle entregamos os materiais desordeados, puido facer esta síntese nunha ducia de semanas coa vocación que lle veu por claustro materno, que non se aprende nos libros, para ver a configuración das cousas que é o que nós andabamos buscando.
[Contracapa do libro]