Puntuación: 1.7/5 (83 votos)
Edición homenaxe a don Antonio Fraguas no seu centenario. Como home do Seminario de Estudos Galegos, comprometido con Galicia, don Antonio non deixou de lado ningún tema de estudo que puidese contribuír a establecer a personalidade específica da terra e do pobo. Este libro reúne un conxunto de enfoques sobre a súa figura.
Francisco Fernández del Riego, que mantivo un vínculo constante e estreito con don Antonio, asina unha semblanza persoal do galeguista de Cotobade. Clodio González Pérez é o autor do capítulo Antonio Fraguas Fraguas, 1905-1999. Vida e obra. O labor do etnógrafo Antonio Fraguas corre a cargo do antropólogo Xosé Manuel González Reboredo, coeditor do libro. O profesor Antonio Eiras Roel, que sucedeu a don Antonio no cargo de Cronista Xeral de Galicia, asina o capítulo O profesor Antonio Fraguas e as súas achegas á historiografía galega do século XX. Lois Gutián Rivera, do Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago, aborda a que foi a súa disciplina académica. A xeografía na obra de don Antonio Fraguas. Baixo o título Don Antonio Fraguas: unha vida dedicada á docencia, Mª Xosé Enríquez Morales, que foi súa alumna no instituto Rosalía de Castro, do que é hoxe profesora, fai un exhaustivo e documentado percorrido polo labor docente de don Antonio. Justo Beramendi, vicepresidente da Fundación Antonio Fraguas e presidente da Xunta Reitora do Museo do Pobo Galego, ve a actividade política do homenaxeado, truncada sen remedio pola guerra civil, como a dun soldado fiel. Carlos García Martínez, tamén coeditor do libro, e que sucedeu a don Antonio na dirección do Museo, estuda un labor cultural que se encadra nun marco institucional e, singularmente, Na rodeira do Seminario de Estudos Galegos. Mª Xosé Fernández, secretaria do Museo do Pobo Galego, rememora o profundo vínculo de don Antonio coa institución que recolle o seu legado intelectual e as súas ensinanzas, baixo o título Os doce mil fillos de don Antonio (e unha manda de afillados). A relixiosidade de don Antón Fraguas, a cargo do cóengo don Xesús Precedo Lafuente, completa o perfil dun home de fonda fe católica. Péchase o volume cunha completa Bibliografía, a cargo da bibliotecaria do Museo, Rosa Mª Méndez García, coa colaboración de Patricia Gómez España e Sandra Vázquez Gómez.
[Presentación editorial]