As voces da madeira
Cada unha das pezas de Ignacio Basallo relata unha delicada conciliación entre a tradición e a linguaxe contemporánea. A mostra aloxada que no CGAC ata o mes de marzo, comezando a súa tempada expositiva, ensina as súas últimas creacións, os temas e procesos técnicos nos que leva a traballar nos últimos anos.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
A brancura de Siza acolle unha colonización pacífica de lecturas de artesán. O noso Basallo aposta polo diálogo, pola interlocución de linguaxes, materiais diversos e técnicas derivadas da madeira; tamén desafía ó espacio que recolle as súas pezas, como elemento activo da composición. Un percorrido de traballos que comezaba na década dos oitenta e que se perfilou nos noventa como unha das apostas máis interesante da plástica galega. As obras agora presentadas, todas dos últimos dous anos, retratan un Basallo actual, que condensa unha ollada documental. A exposición esperta unha delicada sensación de levidade, a inxenuidade compositiva dos contos de nenos, dos contos populares.
O visitante debe continua-lo percorrido amarrado a dúas claves nas que o escultor insiste ó longo de toda a mostra: o “procedemento constructivo” e a lectura retrospectiva do traballo na madeira, limpando e depurando as pegadas do pasado. A proposta describe deste xeito, unha melodía cun baixo continuo claro e perpetuo, que se prolonga —dilata ou mingua— segundo se interrelacione coas diferentes salas e espacios. Obxectos que descansan en chans de madeira ou de mármore, pezas que flotan mentres outras tensionan os muros, as esquinas e os teitos. A mostra comeza cunha verdadeira declaración de intencións, a peza que presenta no vestíbulo: unha liña vertical que colga dun teito de nove metros de altura, formada por diferentes pezas que se articulan ó xeito da perna dunha marioneta e que descansan no chan.
Escultura ut proceso
Será na sala principal da planta baixa do museo onde atopamos o Basallo máis previsible, pero non por iso menos interesante, con esculturas que detectan pegadas ou reminiscencias de obras anteriores, de pezas de metamorfoses e dilatacións. Pezas que crecen en altitude e tamén en levidade, sen perder un gramiño de rotundidade e de forma perenne. O logro desta ambigüiedade material, compositiva, está no proceso, no que el define como “procedemento constructivo”. Consiste en compoñe-las pezas con anacos de táboas finas e longas, que o escultor vai pegando ó redor dunha estructura circular e que xeran unhas pezas cilíndricas ou cónicas, ó xeito dos toneis. As pezas sortéanse polo chan, puntas de iceberg, que conforman un itinerario cara ó fondo da sala cunha escultura-hamaca, como unha liña de posta de sol.
Pequenas pezas, realizadas ó xeito de esbozos ou prototipos, son almacenadas nunha vitrina e actúan de prólogo retrospectivo das pezas expostas no Dobre Espacio, que se presenta máis baleiro e disperso ca nunca, mesmo musical. Columnas infinitas, escadas de corda, escadas surrealistas e cilindros de madeira nun espacio branco que parece verse sorprendido polo murmurio das formas, o mesmo relato que pronunciaba a peza presentada, meses atrás, por Juan Navarro Baldeweg. Porque Basallo pensa e cuestiona no presente, as mans remexen no pasado e un pé, sempre, no futuro.