O factor provisional da arte
Dentro das diversas propostas colectivas a actualidade descubre unha exposición certamente destacable, exemplar: a mostra dos bolseiros de Unión Fenosa no Museo Unión Fenosa da Coruña. Mónica alonso, Mar Caldas e Manuel Vázquez serán os responsables de imaxinativas instalacións que falan de ficción, recreación e narratividade. Exemplos de arriscadas e desveladoras tendencias da arte galega actual.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Dentro das estructuras culturais que latexan en Galicia o concepto museolóxico latexa como unha continua dúbida e cuestionamento da súa existencia, funcionamento e futuro. Unha loita entre o valor de conservación e exposición que, nos museos, se prolonga ó longo das últimas décadas. O proceso lóxico prendeu na creación de infraestructuras de carácter máis dinámico, máis conectadas coa arte máis nova, na creación de espacios que defenden unha vontade temporal: os chamados centros de arte contemporánea ou os espacios de cultura. O diálogo existe en Galicia nunha pluralidade de estructuras que sobreviven desde o financiamento público ou privado. Será neste último onde sobresae o exemplo, certamente significativo, do Museo de Arte Contemporánea Unión Fenosa (MACUF) na Coruña.
O péndulo da arte
O MACUF localízase no polígono industrial da Grela, un espacio residual e periférico do centro histórico da cidade, desde 1997 e baixo a dirección de Luís Caruncho, ofrece unha liña programática situada na vontade expositiva de carácter temporal en fusión coa labor de mecenado e conservación. A primeira das áreas resposta á reflexión sobre os diferentes movementos contemporáneos, mediante mostras individuais ou colectivas, onde sobresaen aquelas dedicadas á arte mais nova, activadas de xeito principal pola "Mostra de arte" e nos diferentes proxectos que derivan das bolsas a artistas que o museo convoca de forma bianual. Ó longo dos últimos anos gozaron destas axudas no estranxeiro os mellores artistas galegos, Manolo Paz, Aymerich, Pamen Pereira, Carlos Rial, Xoan Anleo ou Antonio Murado. A mostra actual presenta os traballos dos artistas novos: Mónica Alonso, Mar Caldas e Manuel Vázquez; os tres desvelan diferentes procesos de creatividade no presente cultural peninsular.
Tres luces como tres soles
Ficción, artificio e reconstrucción serán as mensaxes estéticas que levan os artistas no lombo. A principal das características repousa na importancia da formación de cada un deles noutro centro, onde complementan ou investigan sobre os seus procesos creativos persoais. Convén destacar como cada un dos artistas viaxa levando nas maletas unha traxectoria aínda virxe pero certamente estable, que contrapón á realidade encontrada. Pero o que atopamos non son recordos das estancias, senón os productos, resultados e materias desa estancia. Todo conleva unha apropiación de experiencias e coñecementos que fan mudar, ás veces por completo, o modo de proceder dun artista ou reafirman a súa poética persoal.
Mar Caldas (Vigo, 1964) ofrece fotografías de realidades inquietantes nunha instalación realizada con luz estroboscópica intermitente que altera a nosa visión e nos fragmentos de primeirísimos planos cinematográficos con dous ollos na obra “Péndulo”. Manuel Vázquez (Santiago de Compostela, 1969) saíu sendo pintor e volveu sendo tamén pintor, o único que alterou foi o proceso técnico desenvolvido na Central Saint Martins College of Art de Londres. As súas pinturas berraban sons, luces e flashes de ficcións, que transforma agora en fotografías e vídeos presentando un plein air de movementos paisaxísticos. Mónica Alonso (A Fonsagrada, Lugo, 1970), unha das artistas máis interesantes do momento, que actualmente expón no proxecto “Doméstico” en Madrid, ofrece unha impactante proposta espacial chamada “Puntos de cor”. O seu xeito de traballar engloba unha visión interdisciplinar, obras que dominan toda a estancia, colonizando con cores, maquetas e obxectos que falan dunha vontade vital, experimental, demostrativa.
Cada unha das propostas expostas reflicte a inquedanza do contemporáneo, as dúbidas e desexos ofrecendo máquinas funcionais, terapéuticas; reflectindo, tamén, a faciana poética e dispersiva do real. Traballos que saen das canles habituais, rompendo as filosofías museísticas, arriscando, innovando lugares para o posible, lugares provisionais.