Manuel Patinha / Paco Pestana.
Viaxe alucinante ó fondo da escultura
O Auditorio de Galicia presenta ata febreiro un diálogo que nace como atípico: Paco Pestana e Manuel Patinha, cara e cruz da plástica galega. Dúas forzas miden as súas poéticas nunha mesma proposta expositiva. Emma González recolle e traduce as súas mensaxes, depurando estes relatos de complicados debates pero suxestivos resultados.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Por Emma González
O Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela é o lugar escollido por Manuel Patinha (Poboa de Santa Iria, Portugal, 1949) e Paco Pestana (Castroverde,Lugo, 1949) para amosarnos as súas creacións. Ambos camiñan xuntos de novo tendo como nexo non só a data de nacemento e un gusto preferente polas creacións escultóricas, senón tamén unha grande amizade que os leva a poñer en contacto dous traballos aparentemente antagónicos no seu resultado final, dous traballos que conviven en harmonía e se complementan cegando a un equilibrio expositivo que fai que o universo creativo desenvolvido se xunte nunha mostra que destaca polo acerto á hora de elixir e distribuír as pezas de ámbolos dous creadores.
O traballo sereno, de pezas sinuosas, tanto en gran formato como en pequeno tamaño, ademais dun chiscar de ollo ó cinema nos vinte nos debuxos sobre papel e tinta chinesa, “Isometrías variábeis”, cun discurso non alleo o das súas pezas escultóricas, que nos presenta Patinha, únense ós traballos de gran carga irónica, con marcado carácter teatral, poemas visuais nos que se muda coreógrafo para contarnos, axudado por un rico repertorio de materiais, historias que identificamos como nosas, nunha especie de “contos da terra” dos que podemos entresacar varias lecturas.
Son, polo tanto, dúas formas de facer que nos envolven en dous mundos diferentes, que conforman dúas escenas dunha mesma obra. Dous capítulos dunha mesma novela, dous retrousos dunha canción, pero interpretada por diferentes tonalidades que converxen, ó fin, nun mesmo escenario e á sombra dun mesmo facer.