Os pasos do caracol
O poder da pintura nunha parede branca. A Galería Trinta de Santiago recolle ata finais de mes unha fascinante selección dos últimos traballos de Berta Cáccamo, pintora da abstracción que percorre o panorama galego coa tranquilidade da experiencia e o sorriso dos comezos; pinturas e debuxos, imaxinación e camiños.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
O mensaxeiro colgaba as mans dos petos, amarrando os únicos aforros destinados ás compras dun Nadal demasiado decadente e de ledicia insostible. Quizais sexa a chuvia pero o poder dunha pintura, detrás de cristais mollados, atrapou o camiñante naquela tarde, almacenando o tempo de ocio, as mans seguían nos petos, os ollos presos.
Néboas amarelas
A Galería Trinta buscou unha expansión fóra das pedras do casco histórico da cidade, gañando en espacio e ambición, nun novo local na rúa Virxe da Cerca cunha rehabilitación do arquitecto Pablo Tomé. A primeira das dúas plantas, pola que accedemos, está a nivel da rúa; neste pequeno cadrado, furado por unha escada de travesas de ferrocarril, atopamos a xoia do reinado de Berta Cáccamo, a pintura que retivo a mirada do paseante anónimo. Unha pintura que asina a súa actual poética, que deriva cara a unha maior depuración dos contidos, como un relato de versos que perden formas e se dilúen en vontades máis acuosas. A mostra presenta, deste xeito, un comezo enérxico cun delicado territorio de pintura en construcción, unha nova revisión da súa propia traxectoria. Un repertorio de obras —debuxos e pinturas— acompaña como soldados á raíña, actuando de mapa ou mosaico das moitas facianas da pintura de Berta Cáccamo, semellando que a pintora non quixese que o visitante se perdese. Estas dezaseis pequenas pezas —verdes, amarelas ou rosáceas— debuxan xeitos de abstracción: camiños, superposicións, interseccións, iconas, formas xeométricas, veladuras e labirintos. A pureza despréndese como unha das máis agarimosas etiquetas desta pintura, desta refinada estructura. O camiño desvíase no atmosférico; despois de caminar polo chan, na terra, de percorrer itinerarios sinuosos, a marea mergulla os terreos, derivando nunha lectura etérea, dispersa.
Camiños de caracol
O percorrido continúa na planta baixa da galería, entre as mans as pautas esbozadas pero firmes dunha pintura moi persoal. O espacio alongado refórzase na propia estructura da mostra, con dous grandes lenzos no fondo e privilexiando a parede da esquerda, onde se dispoñen os cadros máis fascinantes da mostra. A lección aprendida na primeira das escalas, falando de estructuras e atmosferas, verase prolongada nesta sala cun epílogo máis enriquecedor. Dúas serán as vontades da mostra: a pintura de percorridos e a pintura de paisaxe. As primeiras, aquelas dunha única tonalidade, azuis, vermellas ou brancas, que reptan pola tea, acollendo os vértices da tea, os seus lados, apertando as marxes. Curvas e contracurvas que conforman composicións saturadas de cor, pinturas “horror vacui”, cheas pero leves, sempre delicadas. Obras como camiños de caracois, camiños aéreos de sucos ou sendeiros dun informalismo depurado, e logo pequenas pegadas erosionadas, transitadas ou lavadas. O paso do tempo, a pintura acumulativa. A segunda será a faciana da paisaxe, que queda en obras onde prevalece a néboa, onde a cor esquiva lindes e se estira a compoñente de suxestión, do imaxinado. As últimas obras deste ano serán pezas onde domina a cor dispersa, a erosión e as delicadas transparencias; coloniza a marea, o ceo de nubes de chuvia e as manchas degradadas.
Paos de cor azul, doces siluetas dunha leira como un mundo; escribir con liñas azuis, acumulativas, dunha poesía que Berta Cáccamo converte en pintura de vida. O camiño do caracol pérdese na paisaxe, estiramos o pescozo e a xirafa da arte galega ensina unha pintura de néboas, imaxinativa, como un salto sen rede. Pero, como sabemos, a pintura tarda en secar, mentres, o caracol seguirá reptando.