Habitacións de soños
Construímos habitacións de soños, lugares onde recrear as ideas, as vivencias, as nosas virtudes e defectos, en resumo, espacios para recrear a arte. O novo Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) esconchou logo de anos de embarazo cunha vocación dual, reflexiva e informativa. Os seus motores de propulsión son as dúas exposicións: “Atlántica, 1980-1986” e “Cardinales”. Luces e sombras dunha institución, o museo, que se ofrece sempre en pleno cuestionamento, e seguimos a pensar en solucións.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Cun proxecto de rehabilitación do equipo de arquitectos Quijada, Fraga e Portolés, o MARCO rescata do pasado o cárcere municipal, recupera un espacio para o debate, un lugar para as artes, propulsando liberdade onde existía dor; certamente, metáforas dunha realidade positiva. A tipoloxía arquitectónica resposta a unha distribución panóptica, cunha delicada rotonda central e tres galerías que xeran os respectivos patios cubertos, tres salas que resultan ilusionantes, moi significativas. O último dos chanzos desta plataforma, a dirección, está nas mans de Carlota Álvarez Basso; explica as súas liñas programáticas en dous focos públicos, dúas mostras de caracteres e solucións diferentes. Mentres, por outra banda, apóstase polo temporal fronte á conservación; un eixe máis relacionado co centro que co museo, pero que demostra a esixencia do actual. Afastada queda a problemática da súa colección; desbotada a do Quiñones de León, apóstase por unha nova colección, algo que seguiremos moi de preto. Dúas plantas enteiras para proxectos temporais, o financiamento establecido e doce meses anuais despois da resaca da inauguración. Porque logo da festa vén o día a día, o longo cotián, como as ilusións repousadas no día de voda.
Agrupar, recrear emocións
Dúas direccións nun espacio carismático. A proposta que se instala na planta baixa do museo introduce o elemento internacional, a mostra “Cardinales”; ilustra a vocación extraterritorial que asentaba Vicente Todolí, actual directo da Tate Modern: “cos pés na terra e os ollos no mundo”. A mostra presenta unha selección de pezas dos últimos anos, nunha pluralidade de linguaxes e soportes que dirixen a mirada á propia arquitectura, explorando as relacións do home co espacio, derivando en reflexións sobre a propia identidade, a existencia. Así Eulalia Valdossera inventa unha habitación de soños, Esko Männikkö retrata a vida nos lindes da natureza, Tony Oursler fala da opresión, mentres Rui Chafes ensina máscaras da existencia; discusións relacionadas coa arquitectura, Monserrat Soto recreando perspectivas, Gregor Schneider a memoria e Muntadas en choscadas críticas sobre o espacio panóptico, que etiqueta o edificio que nos acolle. O discurso de dobres percorridos exemplifícase, de xeito paradoxal, nas dúas obras de Jorge Barbi: a recollida selectiva de materiais como sentimento de apropiación, de rexistrar e asentar a nosa presencia terrea, e o desprendemento, como liberación, na obra "No me retengas". Sentimentos contradictorios e constructivos que se poden aplicar ó propio museo.
Desde o balcón do presente
Se a primeira das plantas recolle os pulsos do actual, como flashes no aire, a segunda aposta pola análise cos pés na terra, rabuñando na nosa historia para presentar a proposta “Atlántica 1980-1986”. Esta mostra describe de xeito claro a liña programática de reflexión do museo sobre a arte galega contemporánea. Unha volta de rosca a unha época moi coñecida, longamente citada, criticada, respectada e, sen embargo, referencial. O relatorio de críticas destas últimas xornadas centróuse na selección de obras, en que certos artistas non están debidamente representados. Atlántica foron tres exposicións en diversos lugares; tres impulsos e agrupamentos colectivos de intencións moi activos, que relanzaron nomes que tiveron un magnífico madurar. Antón Castro, comisario e piar argumental e teórico desa xeración, recolle unha selección de vintecinco artistas; en resumo, a ocasión de volver rememorar aqueles anos, aquelas obras, descubrir pezas pouco coñecidas xunto a outras referencias da arte galega.
O trazado retrospectivo desta mostra dilata o artístico, desborda as propias marxes do museo, contactando co social nunha exposición que se ofrece nunha sala exterior. Unha proposta que dá unha aperta cos cidadáns de Vigo, cos diferentes axentes e actores que naquela época dos oitenta pensaron dun xeito diferente, recitando moitas voces utópicas.
A proposta está sobre a mesa do presente, todos teremos moito que dicir, falar do número de obras escollidas ou o diálogo entre elas; seguiremos atrapando o latexo do museo nos vindeiros roteiros, primeiros pasos do meniño. Temos ata marzo do 2003 para seguir atrapando parapeventos.