culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

A faciana práctica do creativo

Algo queda claro, algo está a cambiar na arte galega. No recentemente inaugurado II Premio Auditorio de Galicia queda un sorriso de optimismo no vento; mudas de pel ou de órganos que conforman, aínda, un panorama enlamado, pero versátil. Precisamos zancos, prismáticos ou apalpar na escuridade, en fin, recoñecer facianas novas e ollalas, como andoriñas voando.

Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Na nosa terra licéncianse cada ano arredor de cincuenta novos artistas, que se mergullan nun mar poboado cos licenciados de promocións anteriores e demais actores plásticos de diversas xeracións. Un panorama fértil, dinámico, onde non escasean as boas propostas e onde, falando claro, fallan os mecanismos de difusión, de canalización. Porque esta carencia é moi preocupante, a non existencia de salas alternativas que lles ofrezan un espacio ás novas xeracións -digamos, a todas, pero máis desacougantes son as que están a comezar- salvado soamente por honrosas excepcións. Problemáticos son, así mesmo, os mecanismos de desaugamento rápido, sen claridade nin seriedade; estoume a referir a exposicións ou proxectos de limitada calidade.


Os artistas novos galegos agardan, cos cartafoles cheos, a que unha galería, un crítico ou comisario, director de museo ou xestor político, recolla as súas inquedanzas e as volva realidade, ou simplemente, que as faga públicas.


Canles de soños

Nese apartado de canalización dos esforzos están a presentar unha solución, digamos práctica, os chamados certames de arte. Unha variedade de premios, mostras e demais plataformas que florecen e desaparecen na nosa xeografía. Son de sinalar, deste xeito, a Mostra Unión Fenosa, o Novos Valores de Pontevedra, o Premio de pintura Concello de Cambre ou o Isaac Díaz Pardo. A correcta difusión, incluso a calidade, ofrécese na presencia dun bo xurado, e non só na selección, exclusión ou aceptación, senón na vontade de apostar, de abrir gabias na enlamada realidade creativa galega; isto conségueo o II Premio Auditorio de Galicia.


Atrapar andoriñas

A selección produce o mesmo paradoxo do creativo. Presencia de pouca pintura, con media ducia escasa de obras, onde sobresae a premiada Irene González, Xaquín Carpintero ou José Ángel Zabala. Exemplos de supervivencia, en fin, rupturas. Porque algo desvirtuou na chegada ós visitantes: Suso Fandiño -premiado cun accésit- presenta un minimalismo cargado de ironía, unha caixa negra, a bidimensionalidade a xuízo. Mentres, afondando na corda frouxa, a fotografía resiste o envite brutal da videoarte: o apropiacionismo de Roberto Ribao -o ollo lámpada, roto, nun mundo de caídas- dialogando co collage urbano de Marc Quintana e a linguaxe máis internacional de Simón Pacheco. As evocacións de paisaxes, de realidades íntimas, como xoieiros e olladas de xénero, deixan un oco ó referente humano, que se presenta en primeiros planos, para, finalmente, a videoarte asomarse con enerxía renovadora, símil da efervescencia actual. A videoarte, timidamente representada noutros certames galegos, amosan as pantallas como pálpebras e mans abertas neste Premio do Auditorio: as propostas de Félix Fernández, Lorena Gómez -primeiro premio- ou Carlos Tejo. O audiovisual como exemplo de que algo, que o saiban todos, está a reformar a vivenda contemporánea.


O espectador esvara entre liñas-meandros e itinerarios rápidos, pezas que respiran para outras abafar, mesmo despistar, dislocar a mensaxe. O grande Ícaro da entrada presaxia unha literatura, unha mensaxe cargada, mesmo barroca. E así é, moitas das obras expostas derivan nunha dirección documentalista, narrativa, outras deixan lugar para o baleiro, para o descanso visual; quedar cunha obra excelente de Carlos Rial -símil do perenne- e a delicada pintura, insisto, de Irene González, como retrincos de reconstruccións, como tentando asentar a situación dos xéneros clásicos no panorama galego, en clara ascensión.


As mesmas enerxías renovadoras que proxectos como Miradas Virxes de Ferrol ou Procesalia da USC amosan de xeito individual, quedan presas, como risco colectivo e retrato do plural, neste II Premio Auditorio de Galicia. Bolboretas atrapadas soamente ata finais de mes; asistide, quedarán emocións nos ollos, logo só baleiro.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org