De fíos e labirintos
Fronte ó vento, pechamos os ollos; limpando as bagoas quedamos cegos, cegos de vida. Manuel Vilariño amosa un mundo no linde, alén da terra, cando o corpo resiste pendurando nun fío de leite, sustento existencial. Mentres, Roberto Ribao, raposo tamén da fotografía, retrata un relato máxico, de referencias literarias, con soportes de supervivencia: cruces, labirintos e compoñentes animais, fuxidos, como metáforas dun tránsito.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Por
Roberto Ribao
O artista sempre habita nun labirinto complexo. O de Manuel Vilariño é un templo escuro, bosque dos signos, deserto, fenda, óco onde se mergullar... Nel cohabita cos réptiles, aferrados á terra. Cos paxaros, que bulran o vento coa súa levidade. E comparte alento cos ósos, esencia primixenia e destino. Todos inertes pero amosados cunha paradoxal vitalidade.
Pero habitar non equivale a ficar quedo. Vilariño, a xeito de embaixador de Hesíodo, decorre polos estreitos e escuros corredores do labirinto, na procura da beleza agochada, da esencia, do espírito. A coexistencia do artista coa fauna coa que traballa artéllase por criterios de radicalidade conceptual e visual, polo sacrificio, pola tensión física e significativa, e pola desconxuntura espacial. Non podía ser doutro xeito no labirinto, espacio onde o saber clásico dislocaba a orientación.
O labirinto é unha proba de supervivencia. E iso significa que para sobrevivir hai que atopar a saída. Teseo, tras matar ó minotauro, puido fuxir coa axuda do fío de Ariadna. Vilariño tamén nos fala do fío, pero non como aparello para atopar unha saída que non procura, porque semella estar a gusto no seu especial labirinto creativo. Niso parécese máis a Penélope, que tece e destece o lenzo para prolongar a espera, ou a esperanza, ou a procura, ou a creación... Ou a vida, ó fin.