Vestidos diante do biombo
Diante do biombo os personaxes actúan dentro dun guión establecido. Diego Santomé trasviste os actores, e con iso a mensaxe, diseccionando a arte como disciplina e o museo como institución dentro dun teatro de vaidades. A galería Bacelos de Vigo traduce no espacio as súas ideas críticas e ácidas. Unha mostra que se presenta de plena actualidade informativa fronte á inauguración, o próximo día 15, do MARCO.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Diego Santomé, redactor do real, coñece moi ben o seu papel na estructura creativa. Toda a súa producción describe esta preocupación por integrarse, por localizarse neste mundo de vaidades. A mostra na galería Bacelos de Vigo ofrece a súa ollada crítica, dinamitando con relatos irónicos os diferentes axentes creativos: o museo, a arte como mercancía e as variopintas relacións e diálogos entre arte e vida. Palancas ácidas dunha mostra moi interesante, quizais unha das mellores que puidemos ver este ano en Galicia.
O museo da nosa vida
A traxectoria de Diego Santomé, igual que o percorrido da mostra, traza unha liña angulosa sobre a historia da arte, os problemas de autoría, o apropiacionismo ou a pesada lousa da historia da arte; a cuestión será como dixerila ou como achegarse. Diego Santomé ofrece as pautas ou andamios desta achega; o discurso de natureza conceptual nunha declaración de intencións como cartas sobre a mesa desde unha linguaxe irónica que se adecúa a unha exposición diferente: a burla como solución. Por iso, todo o que nos amosa destila inxenio e complicidade co visitante. As dúas salas da galería describen moitos saltos cara adiante, moitas suxestións vitais dun artista activamente comprometido. Primeiro, unha impresionante peza marca un agudo eixe horizontal, presentando a maqueta dun museo imaxinario situado á altura dos nosos ollos, onde se retiraron as paredes e a nosa mirada penetra, como nunha casa de monecas, como un Gulliver curioso. O repertorio tamén describe moitas tipoloxías arquitectónicas e diversidade de solucións museográficas, descubrindo, como nenos, e recoñecendo obras da arte galega máis recente; serán pezas que integran, como veremos, a colección dunha fundación tamén imaxinaria. Completan esta primeira sala tres novas pistas deste xogo artístico, da arte como marketing: nun panel onde se nos presenta a devandita Fundación Diego Santomé, fotografías como fragmentos (postais-recordatorios) das salas do museo e, finalmente, lapis negros co logotipo da fundación como souvenirs da mostra. Todo un desenvolvemento dos factores económicos do artístico, satélites formais, como claves museolóxicas dunha ollada crítica.
Diego Santomé ten claro que o museo presenta unha cultura —unha sociedade— reconstruída, preséntase como un organismo que recolle, recompila, disecciona e altera os feitos culturais; esponxa do real, mesmo colector que almacena ficcións. A dialéctica entre a manifestación artística e calquera institución sempre se resolveu nun debate de difícil traducción, de moitas diferencias e incompatibilidades, pero, por outra banda, cunha complementaria afectividade e necesidade recíproca. Coa chegada das vangardas a ruptura entre arte e museo chegou ó seu culmen, pasando a institución por épocas de desertos e oasis, mentres fluían manifestacións artísticas desde a negación expositiva, lonxe de imposicións museísticas; unha situación onde o museo sempre foi a remolque dos acontecementos, cun nivel de reacción sempre lento ou pouco efectivo, como a maioría das institucións públicas en relación á arte contemporánea. A situación, case medio século despois desta ruptura, localízase nunha conciliación oficial e unha demanda creativa de espacios flexibles, pero sempre queda como algo moi necesario e, paradoxalmente, cuestionable.
Nun mundo silencioso
A potencia volumétrica da primeira sala, falando como un guía, transfórmase en cinema mudo na segunda. Outra escena, outra dirección que ataca, directamente, á base da institución artística, no intre no que comeza a conversa: as relacións da sociedade coa arte. O emprego da imaxe do propio artista concentra os esforzos nunha vertente persoal, autobiográfica, sentímonos cómodos observando o seu relato. Verticalízase a mensaxe. Unha relación de imaxes do artista en diferentes posicións, onde brilla aquela que se mostra de xeonllos castigado co peso da historia da arte, materializado en dous grandes tomos enciclopédicos sobre as mans; unha síntese narrativa de toda a exposición. Destaca, así mesmo, a peza proxectada que presenta un relatorio de mensaxes, en diálogos silenciosos de bocadiños con letras, onde se contan anécdotas ou chistes nos que todos nos sentimos identificados. Unha obra de referencias dadá, por intres absurda e sempre cuestionadora ás raíces da arte. E seguimos a falar dun artista implicado, da comunicación entre as diferentes disciplinas, nunha mensaxe clara fuxindo da banda sonora, do decorativo, no mundo limpo, hixiénico, de Buster Keaton.
Unha exposición que consegue facer partícipe ó espectador, que sae, coñecedor do seu papel como intérprete do creativo, como elo deste drama. Todo, para ben ou para mal. Próxima a inauguración do Museo de Arte Contemporánea de Vigo —a poucas rúas desta galería— a mostra preséntase como elegantemente oportuna, espindo os problemas e tamén virtudes desta institución que, lonxe ou preto da sociedade, sempre é demandada e necesaria na construcción do contemporáneo. Diego Santomé instala andamios nos nosos ollos, ensina a ver, disloca o establecido, pasando as follas dun mundo, o da arte, moi complicado. Porque moitas veces arte e vida van da man, outras foxen como esperanzas caídas, sendo, ás veces, moi difícil de dixerir. ¿Verdade compañeiro?