Paisaxes da memoria
Dous poemas, dúas paisaxes; Antón Patiño reflicte, desde a opción da expresión, a loita da pintura como feito e acción do real. Recolle na galería VGO de Vigo a súa última obra, a mesma que destila pautas da súa traxectoria, ollando o pasado, limpa, preñada de suxestións e iconografías.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Entendamos cada unha das obras, por un lado, como exemplos actuais do seu traballo e, por outro, como diccionarios de imaxes recoñecibles da súa traxectoria. Dúas orientacións que perfilan a súa obra, que reven —pouco a pouco— todo o aprendido e producido. Pinturas que almacenan mentres outras destilan, evaden, experimentan. Un Antón Patiño con áreas de investigación, áreas de compilación e áreas de repouso; lugares do home.
A lingua da pintura
Afeitos ás súas positivas presencias expositivas —na galería SCQ, na desaparecida Estación Marítima da Coruña e no Dobre Espacio do CGAC— a presente mostra da galería VGO debuxa un mostrario dos últimos dous anos. Este período reafirma o asentamento dunha das carreiras artísticas máis estables do momento, ilustrando un percorrido, agora de spring agora de maratón do seu enfrontamento coa pintura. As pinturas presentadas interpretan un Antón Patiño máis categórico; en termos bibliográficos, un pintor de caracteres palimpsestos. Pinturas que existen mentres respiran, condensan, invocan. O seu é unha continua reflexión sobre a pintura, un caso excepional no panorama cultural galego, ilustrando a súa traxectoria con formulacións de carácter teórico; piar e argumento do lado creativo. A súa pintura recrea o expresivo, en fortes e carismáticas pinceladas, porque todo pasa por diante dos ollos, todo vai quedando no pasado e debe quedar para o futuro. Unha vontade narrativa que Patiño presenta como un informador efectivo. Mentres o lenzo, ó xeito dunha pizarra, soporta a súa semente, como unha esponxa absorvendo suxestións, apuntamentos que van e veñen. Serán relatos que ensinan desde o código a lectura fragmentada, que sintetiza e asina, fuxindo do barroco, do decorativo. A natureza, outras veces, preséntase como paisaxes.
Memoria do lugar
O espacio da galería, dividido en dúas estancias, —maior na entrada, a xeito de gran vestíbulo, e menor no fondo, — estructura as dúas direccións da mostra: media ducia de grandes lenzos que dispersan, existen no latifundio, mentres, na segunda, recollemos obras de trazados menores, de traxectorias descritivas, mesmo fragmentarias. Un espacio que acolle, así mesmo, obras xirando en dous eixos, aquelas que continúan temática e simbólicamente prendidas do pasado e aqueloutras que saltan sen rede, ensaios do posible. Pinturas que seguen mantendo unha linguaxe clara, de fondos monocromos sobre os que dispón flashes de realidade, iconografías do pasado, como vestixios dun naufraxio, como “desolacións” de quimeras. E volvemos mergullarnos en augas azul metal, en desertos arxilosos, paisaxes verdes como mazás, verdes como humidades. E non falo de paisaxes, senón de datos referenciais, de evocacións, de paisaxes da memoria, do interior. A paisaxe culta, reflexiva. Entre tanto, ríos de pintura branca van reptando pola terra, marcando ringleiras de lectura, que cativan no vertical, que quedan illados en labirintos de redes. No fondo da galería, veladuras dunha paisaxe fugaz, prendéndose na parede, fragmentos de mar, de visións submariñas.
Volveremos sobre o camiñado, recollendo ánforas ou volvendo en bicicletas. Porque sempre queda tempo para a pintura, a mesma que lembra, mar, terra ou aire, e para os mitos; cando a pintura florece apacible, silenciosa.