Auga entre os dedos
Despois das pinturas de Penck, mestre do neoexpresionismo alemán, a Fundación Laxeiro de Vigo entrega unha mostra invividual de Guillermo Aymerich. Ata mediados de decembro poderemos descubrir unha obra aberta, en continua dispersión, presentada nas vintedúas series que dispersa nesta suxestiva "Aproximación á auga".
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Cada unha das salas que forman a segunda planta da Casa das Artes de Vigo, moi estructuradas, como se dunha vivenda se tratase, énchense de auga. A mostra descobre un artista que pensa nos espacios como prolongacións da experiencia. Guillermo Aymerich, artista galego das terras do Deza establecido en Valencia, realiza unha das súas máis importantes mostras individuais comisariada polo incombustible Antón Castro. Un percorrido pausado pola obra dos seus últimos anos, máis de cen pezas repartidas entre pinturas, debuxos, fotografías e instalacións. Autor prolífico, o seu achegamento expositivo nace e sobrevive nun íntimo contacto co elemento líquido, coa auga, como tema e soporte de vitalidade, de optimismo.
Contaminacións acuosas
Guillermo Aymerich pertence a unha xeración de artistas que entenderon e, liberan, a linguaxe artística; sen medo, o seu traballo dos últimos anos oscila entre unha vontade documentalista, analítica, incluso de "voyeur", cun continuo e obsesivo goce nos procedementos pictóricos. Interrelacina disciplinas, sempre desde un sentido bidimensional, entre fotografía e pintura, composicións de referencias pop, nun desvelado achegamento á paisaxe sen patria, de faros flotando nas augas, das variadas caras da natureza desde un coche en movemento, fugaces, retendo pingas de chuvia como pencas de luz. E mentres, disloca reactivando a natureza, non ó xeito dun Long ou dun Barbi, máis como un Cidrás que realiza artificios, como incorporacións persoais nun territorio suxestivo. O ollo do camaleón, en todas as direccións.
Auga e verdade
A presente mostra realiza un "traveling" —de marisqueiro, sobre o chan enlamado, ou de paracaidista, dominando— reptando entre as máis de vinte series presentadas. Narracións de complicidade. Moitas son as obras que requiren tempo de visita, de atención por parte do visitante; o tempo vaise apoiando nos ombreiros como un compañeiro amigo. Unha pezas resultan máis narrativas ca outras, porque cada unha delas cóntanos unha historia, unha experiencia do autor, pequena ou grande. Pero antes de deternos de xeito individual resulta interesante observar cada unha das paredes laceradas de obras, dispostas como se dunha melodía se tratase, como un mosaico de pinceladas: pequenas fotografías do mar desde o seu estudio.
Queda claro. O tema, asubiado no título da mostra "Aproximación á auga", exclama unha sorte de obras que xiran, respiran e se adaptan a esta temática, a esta relación de iconografías. Porque o que Aymerich realiza é unha recreación da auga como parte da paisaxe, poñéndolle tiles ou títulos; e sempre queda un lugar —cada espectador descubrirá o interruptor— para o humor, para a visión inxenua. Cúpulas escamadas que son sereas do mar, flores que prenden nun lombo preñado de pencas, debuxos e recortes sobre cacto, pinturas de montañas en etiquetas de auga mineral, valados sobre camas de sabas brancas, pequenos muros —de novo, artificios do natural— sobre libros amontoados e, finalmente, moitas visións sobre o mar, exquisitas pinturas de barcos, peiraos, de noite e día.
A mirada de Aymerich embázase de pintura. Esta interesante mostra ensina un home atento, de factura orixinal, que percorre a natureza cos ollos do impresionista, mesmo dun Monet de Giverny, quizais máis acelerado, nun pinzamento pop de luces, montañas, pencas e sorrisos de complicidade.