Novos circuitos expositivos
Acelerando o proceso de normalización da arte galega máis nova, seguen aparecendo proxectos específicos ou exposicións colectivas como “Emerxentes” na Casa da Parra. A selección, que poderá verse ata finais deste mes, acolle un grupo de seis artistas nóveis galegos traballando en diferentes disciplinas; os mesmos que Marta Gerveno analiza de xeito individual, asentando piares que estructuren a nosa realidade, sempre en positivo.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Por Marta Gerveno
Baixo o título “Da visibilidade”, a Casa da Parra iniciaba no verán do 2000 un ciclo expositivo que ve hoxe a sua segunda edición —que non a última— con “Emerxentes no outono da Parra”. Os responsables daquela —Pilar Corredoira, Antón Castro e Román Pereiro—, reunían unha serie de novos creadores que entón xurdían en Galicia, tendendo unha ponte non só a xuventude desamparada nos circuitos de poder, senón que tamén o facían ás novas posibilidades experimentais, linguaxes e soportes.
Hoxe, con “Emerxentes”, aquela iniciada intención convertese en realidade continua, tranformando á Casa da Parra nun lugar referencial para ós máis novos, establecéndose un novo lugar común adicado ó futuro que xurde nesta perifería que é Galicia.
Os "novos futuros"
“Emerxentes” aposta agora pola recentemente iniciada traxectoría artistica de seis “novos futuros”:
Referenciando o cotiá —o cotiá do corpo e a arte—,
Inés Barros trasgrede ese pasado occidental onde había un "dentro" e un "fora" da nosa experiencia psicolóxica, onde o mundo exterior era público, colectivo, estable, fiable e obxetivo, e o reino interior das nosas mentes permanecía privado, persoal e subxectivo.
Itziar Ezquieta, cun soporte recoñecible por todos como é a pintura, representa un esquema gráfico da súa íntima reflexión sobre o desexo e a súa iconografía corporal: os ollos e o corazón.
Luis Iglesias rememora coa súa instalación a primeira vez que cazamos coa mirada a nosa imaxe no espello da máquina.
Acisclo Novo sae en defensa dun tipo de escultura na que a natureza dos materiais está dacordo co estado psíquico do creador e co devir da natureza, unha escultura na que, polo tanto, quedan salientadas as fases de concepción e realización da obra.
Iván Prieto expresa unha vontade escenográfica de dispoñer figuras de cartón-pedra de pequenas dimensións, ananos ou ventrílocuos, creando espacios dislocados que distorsionan as tradicionais normas da perspectiva e percepción visual.
Por último,
Daniel Vila, escolle o vídeo coma única saída para un artista radical e escéptico, entendendo os seus traballos como inertes representacións da imposibilidade de proxectar paixón sobre unha cultura que institucionalizou a autoexpresión.
En definitiva, “Emerxentes” amosa seis artistas mozos que desenvolven o seu labor dentro do amplo contexto que lles ofrece a arte dos nosos días, co obxectivo principal de difundir e promover-las artes, vixiando de preto a evolución creativa das xeracións novas.