culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

A pintura silenciosa

Camiño da abstracción deixando restos de memoria. Alberto Datas ensina a súa obra máis íntima na galería Marisa Marimón de Ourense, ata o 6 de novembro. Debuxos sobre papel, delicados, fáxiles.

Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Achegarse a Ourense, desde o norte, é unha longa e desalentadora peregrinaxe. Chegar relaxado, unha quimera. Pero esa tarde a chuvia quedaba atrás, a cidade brillaba. Unha visita polas novas rúas peonís, de lonxe a Catedral e sentarse nun banco. O cansanzo esgótase nun café con leite. Porque Ourense segue tendo moitas escusas para achegarse, unha delas, as exposicións que amosa a galería Marisa Marimón. O pretexto desta visita a principios de outubro son os debuxos de Alberto Datas.


Paisaxes como pinturas da alma

Representante da pintura entregada, da expresión, a mesma que se agrupou na filosofía atlántica, vive e traballa —como Antón Patiño ou Menchu Lamas— en Madrid. Ó mesmo ca aqueles, cada achega á súa terra sírvenos para seguir coñecendo a súa obra, sendo memorables as presencias no CGAC, na galería que hoxe recolle a súa nova proposta e na sala de Caixa Nova en Vigo. A pintura, segundo Alberto Datas, fluctúa entre a entrega, a esgazadura e a mesura, a delicada silueta do real. Unha pintura que, percorrendo unha topografía, sobe en intensidade, sen perder en narración, ó tempo que alcanza cotas elevadas de abstracción. Unha abstracción que seguimos entendendo como próxima, sen a dispersión de grandes planos de cor nin a perda de literatura, como pequenos vestixios e pinceladas de memoria, de lembranzas sintetizadas en bocas, caras e ollos. Porque sempre queda un lugar para o vivido, sempre queda un oco para a novela, para a escritura. Por intres o relato require murmurios, quedando espacio para o diario íntimo, próximo, para os debuxos, a pintura en pequena escala.


A voz do íntimo

Pactemos co visitante, pensemos nunha paisaxe cotiá que se escoite en voz baixa, en pequenas entregas. Así entende a obra Alberto Datas. Porque a presente exposición ofrece a súa obra máis doméstica: os debuxos de lápiz e pintura sobre papel, obras breves e lenes. Estas obras desprenden unha inmediata sensación de levidade narrativa, pontes, apuntamentos ou esbozos de obras maiores, ou simples pinceladas na soedade do estudio, atrapando pensamentos. Obras, en fin, lixeiras como unha impresión, fráxiles como unha improvisación. E pensamos nas abstraccións líricas de Kandinsky. Os debuxos de Alberto Datas queren atraer: caras sorrindo, ensinando os dentes, as mans, azarosas composicións de cor e liñas flotando, azuis, vermellos, verdes, laranxas e moito baleiro, aire onde respirar. Datas achégase ós autores do expresionismo abstracto, os mesmos que ensinaban as feridas como un Gorky relaxado, pero sobre toda achégase a aquelas abstraccións da batalla de Lepanto que Cy Twombly, un dos mellores pintores do momento, presentaba na última Bienal de Venecia.



A pintura de Datas segue a loitar entre narración e abstracción, querer e poder. Os debuxos ensinan o bo deste intento, os medos e logros, pero o máis importante: presenta un pintor dialogante, inxénuo como un neno, listo como un raposo. Benvido ó mundo, pequeno Datas.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org