Coller cravos coas mans
A obra de Xosé Carlos Barros comeza alterando a nosa visita e remata nunha perfecta simbiose entre espacio, arte e memoria. A galería SCQ de Santiago recolle as súas últimas esculturas, diálogos desde o residual, de xestos e pinceladas que reteñen ó visitante.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Nunha recente conversación cuns amigos sobre arte, saquei a conclusión de que, por riba de teorías ou mesmo tendencias, cada quen entende a arte como quere. O importante está nese fráxil detalle, que queira entendela, da igual cómo. Este mesmo feito de percepción é o que defende o escultor Xosé Carlos Barros, nunha ollada limpa, independente, desde a periferia da arte galega. A súa é unha continua relación de amor-odio co panorama artístico. Unha necesidade de manterse illado, á marxe, que lle imprime unha inquietante sensación de atracción-repulsión. Esto, que podería ir na súa contra, vólvese de costas e engalana a súa traxectoria, repercutindo nunha obra que se presenta —dilatada en escalas de varios anos— vitalista, entregada pero agochada.
Apertas amargas
A traxectoria de Carlos Barros fluctúa entre a necesidade de existir e a de transgredir. Dous compoñentes que, segundo poderemos ver, van e veñen nos seus vinte anos de producción. Dúas ideas que se materializan en formas que evidencian a construcción fronte ó deconstructivo, a percepción positiva e a aparente decadencia formal. Asentar e facer forte a escultura desde os mecanismos da propia construcción, onde destaca a inmediata referencia visual, táctil, a percepción. As súas obras, que puidemos ver hai tempo na galería Trinta ou no certame de bolseiros de Unión Fenosa, derivan dunha vontade constructiva cara a unha realidade poética, de literatura, semellando que o artista despois de coñecer e asentar o seu espacio —ou antiespacio— se atope cómodo despregando a súa narración. Sen medo, unha coherencia que se reflicte nas súas obras. Recordamos as súas obras de marcos, que ofrecían outra mirada cuestionadora da arte, con elementos do real que apega e xustapón nunha sorte de colaxes, de formas que existen tamén no azar, na silueta que resulta dunha tira de goma ó deixala caer. Algo segue quedando no presente, se cadra de xeito máis elaborado, poñendo máis tempo na composición. Obras acumuladas de enerxía, que existen nunha pureza compositiva impecable e desenvólvense en referencias poéticas, simbólicas, como iconas de memoria.
Mirarse caer na rede
Cada mostra de Xosé Carlos Barros existe na dúbida. A proposta que respira na galería SCQ de Santiago mantense nun diálogo co espacio, na íntima relación das obras presentadas, moitas de recente execución, xunto a outras anteriores. A liña que aperta as esculturas ofrecen unha precisa lectura da súa linguaxe: o contraste entre tectónica e poesía, baleiro e tensión, natural e artificio. Cada obra existe e dialoga primeiro en si mesma, de fronte ó espectador, pero en continua confrontación co elemento atopado, agora coa parede onde retén a súa existencia en eventual gravidade, logo co visitante do que esixe unha detida observación, unha repousada análise. Serán sinais ou xestos no espacio que fan chiscadeiras ás vangardas históricas do constructivismo, pero que Xosé Carlos relanza nunha viaxe polas texturas, a memoria, o pasado, resultando caixas que nacen no tectónico e fluctúan na deconstrucción, na propia evidencia do vestixio. O resto dun cadro sen lenzo, o envés da creación e a superficie emocionada onde florecen, como sementes tolas, bolígrafos queimados e afiados fiúnchos de madeira, tentáculos que traspasan o cristal para respirar no noso presente ou os azulexos brancos facéndose sitio na evolución. Restos de materiais industriais, madeiras, presentadas como seccións anatómicas, como corpos en formol, conxelados na atemporalidade. Obras que clarean como pinturas, unidas á parede, logo continúan a súa aventura espacial con elementos do cotián, plásticos, pero rematan sobrevivindo de novo nunha linguaxe pictórica, de telúricas evocadoras, por intres sensuais, atraentes.
O vestixio como memoria conxelada. O resto como retrinco do tempo nun Xosé Carlos Barros que viaxa a pé, sen dúbida, en moitas direccións. Próxima estación: Esperanza.