culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

O diario da navalla

O ciclo Miradas Virxes do Centro Torrente Ballester volve sorprender. A mostra do fotógrafo mozo Fran Herbello, que poderemos ver ata mediados de outubro, disecciona a realidade da beleza e do paso do tempo como mensaxes de “vanitas”.

Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Existe unha delgada liña entre a vida e a morte, case todos sabemos isto. Unha das disciplinas que mellor sabe describir e narrar esta fraxilidade, xunto coa poesía, é a fotografía, a forza e fugacidade dun intre. A liña vólvese grosa como un río encorado. O tránsito require de moito esforzo e, sen saber por qué, non queremos chegar ou simplemente non queremos deixar de mirar atrás; se algo ata, algo tamén desata. Fran Herbello, o mesmo que Joel Peter Witkin, ensina os camiños, as siluetas das operacións, recréase neste intre de tempo, cando a liña semella crebar, anoarse ou queimarse.


Desde a fotografía

A fotografía en Galicia, sempre entendida como realidade plástica no espacio, formula dúas direccións: a experiencia externa, o retrato ou a paisaxe e, despois, a experiencia interna. Manuel Vilariño prolonga o horizonte da fotografía entregada, mentres vestixios de pasado volven coas voces de Ramón Caamaño ou Virxilio Vieitez, mentres Vari Caramés dispón da opción pictórica, o mesmo que Mar Caldas. Fran Herbello recolle sen sementar; volve a un terreo coñecido, o corpo como experiencia creativa. Oscilando entre a performance e a formalización obxectual, esta dialéctica temporal fai posible a aparición das súas obras coñecidas, as mesmas que publicou na colección “Do Trinque” no Centro de Estudios Fotográficos, baixo o nome de A imaxe e semellanza. Estas fotografías diseccionaban a liña entre dous polos, dúas realidades, resultando obras enigmáticas, que prolongaban a mensaxe lonxe do terrenal, porque sen pretender ser escatolóxicas volvíanse surrealistas.


Detrás da máscara

O coñecido Terceiro Espacio do Centro Torrente Ballester foi un reto para este artista; a súa proposta resultou ser unha das mellores entre as presentadas. O tema fala do tempo, da memoria, enriquecendo a mensaxe herdada; formulará diferentes relatos arredor da existencia, de poñerlle máscaras ó paso do tempo. Deste xeito, as tres primeiras salas funcionan como breves prólogos dunha novela, murmurios contando segredos de beleza, secadores que fan flotar revistas de moda e monitores que amosan máis confidencias de beleza. O primeiro punto está claro, presentar en instalacións o xeito racional de maquillar o paso do tempo. O núcleo xeral é a sala central, onde recolle fotografías de series anteriores xunto a outras actuais, amosando os seus coñecidos repertorios de diseccións e manipulacións sobre a pel, amputacións metafísicas, que apertan máis esta mensaxe surreal no linde do lírico. A realidade volve ó terrenal nunha póla de árbore da que colgan mazás nas que se reflicten facianas; un novo elemento pecha este mecano de vida e morte: o elemento da “vanitas”, a representación do paso do tempo, como iconas claras do existencialismo. As mazás irán podrecendo, ensurrándose, o mesmo que a pel na vellez, o mesmo que secan os ríos, mentres a liña se estira ata esmorecer.


Coma unha navalla afiada un misterio percorre a mostra, dándolle palmadas ó espectador no lombo, para que non quede durmido detrás do biombo. O tempo non se detén con ninguén.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org