culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

A ética xeográfica

"Oito relatos nórdicos", a mostra que ata mediados de mes acolle o CGAC, narra a variada e plural natureza desas latitudes. Agora percorrémola relendo a súa filosofía espacial e o seu sorprendente carácter internacional.

Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Dentro da arte contemporánea unha das reflexións máis candentes son aquelas que se centran na análise do espacio, do chamado territorio. Os problemas da globalización —teríamos moito que falar— ofrecen un panorama xeográfico, social e cultural que se presenta cada vez máis recoñecido, resultando todo como moi visto, moi etiquetado. Este exemplo de democratización e contaminación xeográfica positiva pódese ver na mostra que presenta o CGAC: “Oito relatos nórdicos”. Lonxe de pretender ser categórico, esta exposición resultou ser unha das mellores deste verán, por esta razón é xusto presentala agora, neste comezo de outono.



Isobaras terrestres

O pretexto desta exposición nace desde a presentación da arte máis nova dos países nórdicos, desenvólvese nos parámetros e propostas propias da arte internacional, e remata nunha sorte de novidade como modelo de boa exposición. Esta orientación lembrará á presente Bienal de Pontevedra que tamén reflexiona sobre a contemporaneidade cun elevado contido de artistas procedentes desas latitudes. Pero a mostra do CGAC, que comezou como complemento á irmá maior de Pontevedra, situouse nunha posición máis elevada, pola calidade das súa obras, e, sobre todo por presentar unha ollada máis plural, desde perspectivas que non se deteñen no local e despregan as vontades estéticas noutras xeografías, como isobaras dunha fronte fría que percorren países sen aduanas nin fronteiras.


Ler en beizos alleos

Esta perspectiva global que sintetiza a mostra estoupa por intres nunha dirección interior, encamiñando ó visitante entre reflexións particulares, olladas exteriores, diarios de papel, puzzles de vivencias que recollemos como nosas e inquedanzas dun artista que rescata o pasado para asentar a súa identidade, mentres outros observan desde a distancia unha natureza fría, minimalista de sombras e preñada de suxestións. Todo como un mecano de paixóns, soidades e interpretacións dun territorio extremo. As disciplinas artísticas tamén se collen das mans sen prexuízos: grandes fotografías, proxeccións e videoarte fan esquecer por completo á irmá pintura, aínda que sabemos que segue presente nas abundantes obras paisaxísticas. Oito relatos, oito lapis escribindo sobre un papel. Sen visitar cada un dos seus fogares, traspasar as súas portas, a impresión xeral é a dun grupo homoxéneo, onde resulta xusto destacar as propostas de Esko Männikkö e Eija-Liisa Ahtila.


A arte actual tenche estas cousas, presenta unha realidade moi local e, case sen pretendelo, explota —como nun aleteo de volvoreta— noutras xeografías. Mentres, nós, acollémola como un relato próximo, cotián.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org