Pensando traxectos
Non queda dúbida que é moi difícil retratar a presenza, pero moito máis complicado resulta capturar e presentar os traxectos, as liñas. Cando isto se aplica á creación contemporánea increméntase a dificultade. Por iso, nisto de describir perspectivas en camiño, en evolución, quedan como exemplos destacados os denominados certames de arte actual. Nestes días visitamos unha nova edición dun dos máis recoñecidos, o “Premio Auditorio de Galicia”, que vén a agrupar o colectivo de iniciativas realizadas desde diversas institucións como o “Novos Valores” da Deputación de Pontevedra, a “Mostra Unión Fenosa”, o Artes Visuais da Deputación de Ourense, o “Concello de Cambre”, o “Comarcas do Sar” ou o “Artxove”. A súa importancia, con moitos matices e tonalidades, se define incuestionable nesa misión de plataforma e visibilidade, de pensar traxectos.
Observamos a diversas obras neste premio do Auditorio de Galicia, que chega á súa quinta edición, con esa mesma dimensión que reúnen os traballos definidos no presente da arte galega; con variantes, perspectivas e subxectividades diversas. Non queda dúbida: visitamos nomes, recoñecemos traxectorias e obras, mentres non deixamos a análise para unha segunda escala, facéndose necesario en cada encontro, en cada posible combinación ou agrupamento. Atopar o traballo de Antón Cabaleiro, despois a Víctor Ulla, a Sara Fuentes Cid e concretar un probable percorrido con Vanesa Castro non resulta un itinerario casual, senón que pretende resumir dinámicas concretas na creación actual, intentos e afirmacións; outra dirección quedaría en Rita Rodríguez, Suso Fandiño, Alexandre Fernández e Uxía Piñeiro, Maribel Castro ou Antía Moure; entre outras moitas posibles, traxectorias dentro do debuxo, do territorio, da identidade, da pintura; do cuestionamento, do lugar crítico, pensado.
Cruzamentos
Tamén presenciamos un camiñar por obras que traducen unha contaminación deliberada da banda deseñada, do cine, da televisión ou do videoclip; José Mouriño ofrece unha desas pezas sempre recomendables, insistindo en claves de discursos cinematográficos, narrativos; igual que Fernando Giralt, capturando un lugar e unha experiencia; Rita Rodríguez recoñece unha obra pendente do espectador, que flutúa desde a participación dos visitantes, como Elena Gómez Dahlgren, apostando por unha intención lúdica; ou David Castro que nos achega a un territorio de deseño híbrido, transformado, usado, habitual. Mentres, Santi Jiménez e Mauro Trastoy, insisten na súa particular vontade de espazo debuxado, dunha cotidianeidade quizais real, quizais narrada; Jorge Perianes continúa no seu relato de ficción; Vanesa Castro distingue un ámbito de contactos no campo do videoclip; a perspectiva da recuperación, quizais dunha memoria, queda no vídeo premiado de Manuel Eirís e nas fotografías de Edu Valiña. E resiste tamén un espazo para unha pintura que, sendo relativamente minoritaria, restablece unha perspectiva que nunca se esquece. Pero quen domina é a linguaxe do fotográfico, que se perfila, ademais de en moitos dos citados, en Andrea Costas, Ignacio García, Xosé Teiga ou Javier Pérez de Lis, xa coñecidos, xunto a Estéfani Bouza ou Iván Franco. E o proceso, deliberadamente caduco e organizado, na obra sempre orixinal de Samuel Castro e a crítica, ironía ou casualidade en Amaya González Reyes e Kike Lista, un tempo imperfecto.
A perspectiva do lugar crítico, que se vai facendo, transformando; un presente continuo que fala desde un laboratorio persoal, identitario, de manifestos con dúbidas e intentos; encontros, diarios e comunicativos, coa realidade actual da arte contemporánea, da man dunha mostra colectiva sempre necesaria. Pensando traxectos.