Paisaxe en horizonte
Quizais unha das maiores sorpresas que produce a mostra que presenta Manolo Paz nesta galería sexa a distribución das pezas escultóricas no espazo expositivo; nun aparente cambio de poéticas, de obras, que segue mantendo fontes e voces de atracción co pasado, coa súa traxectoria. Quizais acostumados aos seus fitos verticais, ás buscas en interiores, en baleiros que penetran os ventres de pedra, a presente obra bebe nun exterior para deixase empapar pola paisaxe, no percorrido, que se desenvolve e medra na horizontal.
Atrapade o mensaxeiro
17 / 12 / 2007
Estas novas obras de Manolo Paz inciden na presenza e no camiño, no tránsito para despois interpretarse na pausa; unha paisaxe que se desprende en forma de pedra, agora fragmento de lousa, que persiste nunha lóxica de lugar, agora como unha recreación da propia paisaxe, como noutras disciplinas desenvolve Antón Lamazares ou Miguel Ángel Blanco; prensando relatos que existen na topografía e se volven relato de experiencias. Tamén un retrato do tempo prolongado, mentres se erosiona e se volve perenne, mentres se envorca sobre o escultórico, para proceder a unha dixestión do territorio. Afeitos ás súas coñecidas leccións de fitos e iconas, de paradigmas e tótems de pedra afincadas no chan, “corpos de pedra” segundo José Jiménez, descubrimos unha vertente que se reforza formando parte do espazo, no horizonte. Deste xeito, non resulta casual a inicial sorpresa en determinadas pezas que se presenta nesta exposición, nunha “nube” que se mostra inestable ou a referencia escalonada de paisaxes de referencias orientais. Aprendido o seu vocabulario de pedra, dun maxistral dominio dos procesos de puído, de modelaxe, dunha vontade sinxela e poética que se traslada desde superficies e que se expanden no tacto, na luz que esvara ou se deixa atrapar nas membranas rugosas, sen erosión.
Lugares
E queda a paisaxe. A peza que nos recibe na entrada da galería, e que se presenta nunha escala inferior noutra sala, dispón os argumentos da paisaxe pensada, a piques de ser recreada, feita obxecto. Unha “nube” que flota sobre unha forma abstracta apoiada en tres puntos mínimos de apoio. Parece que flota. Sobresae esa relación de traballos que, nunha sala anexa, ofertan unha correspondencia de oportunidades desde a escultura, desde a plástica. Pequenos prototipos, como nas pezas de Ignacio Basallo, que se apertan nunha escala medindo a terra desde os símbolos, desde o percorrido.