culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

De lados borrosos

Nunca se pode imaxinar un futuro, nin tan sequera retratalo antes de deixarse emocionar, alterar, envorcar; antes de dispoñer os centos de dúbidas e caídas da realidade. Nunca se pode imaxinar tampouco o presente. Quizais esas sexan as verdadeiras enerxías que Carlos Pazos (Barcelona, 1949) proxecta en todos os seus traballos, sempre inesquecibles. A mostra que presenta estes meses na galería compostelá persegue diversas mensaxes, diversas dúbidas e capturas, tamén labazadas ao espectador, ao visitante despistado.

Atrapade o mensaxeiro
26 / 11 / 2007
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
O traballo deste autor, que desde hai varias décadas vén protagonizando unha das traxectorias máis silenciosas e menos visibles do panorama peninsular, queda descrito como un exemplo estraño, inclasificable dentro da creación actual. Lonxe de modas e tendencias, máis atento ao concepto e a visión crítica, vén de verse recoñecido (aínda que nunca se sabe a quen beneficia esa recompensa) por galardóns como o Premio Nacional de Artes Plásticas ou as recentes mostras retrospectivas no MACBA e no Museo Reina Sofía. A súa poética discute coa distracción, atentando continuamente cunha imperfección, nunha dimensión humana, ao alcance dos discursos, perfilando e marcando os lados evidentes do social, sempre nesa fronteira da cultura, da creación, para despois desdebuxalos e dispoñelos esfarelados, a piques de dixerirse. “Acabouse a ilusión. Penúltimo grito”, nome da exposición, consegue facer pensar nun lugar non sempre concreto, doadamente extrapolable a calquera escenario, a calquera espectador.

Dúbidas e incertezas
A súa linguaxe concrétase nunha etiqueta que bebe, comeza, no poético, na construción dunha mensaxe que relativiza o icónico, que profunda no ámbito do tópico para reformular unha crítica sobre a sociedade. Aliméntase no kitsch, no dadaísmo. Pero o destacado é que, nas súas obras, nunha sabemos onde se localiza a lanza, o impacto, pero si asistimos ao resultado da reflexión, da experiencia, do vivido. Carlos Pazos nunca descoida a narración dunha arte social, pegada á ollada transversal. Comprendemos un autor que nunca se distancia da vida, que se atopa constantemente nas diversas instalacións, porque non asistimos a unha mostra de relación de pezas, senón a unha paisaxe de dúbidas expostas en obras, condensadas en vitrinas e dispostas sen aparente orde; capturas de vertentes decorativas polas parades e vestixios de obxectos cotiáns, habituais no noso consumo.

A instalación na planta inferior “En Branco e Negro, unha vez máis”, fragmento de “Mnemocine.Película recortable”, pola que xa se xustifica a visita á exposición, componse dunha relación de fotografías sobre un fondo dourado e un vídeo onde un aparente "Copito de nieve" e unha estatua da Moreneta son os protagonistas dunha acción de encontros inesperados, cómicos, inquietantes. Partes dunha cultura, habituais, feridamente tópicas, que se volven cara ao visitante sen aparente lóxica, sen aparente final.
Ligazóns
Carlos Pazos. Galería Trinta. Virxe da cerca, 24. Compostela. Até 20 de decembro

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org