Paisaxes internas
Cando a abstracción respira baixo a pintura e loita por saír nun mundo de referencias vexetais, pétalos de flores e ventos feridos, Antonio Murado reinterpreta a paisaxe. Virginia Villar mima a súa obra, a mesma que recolle o CGAC nunha magnífica mostra ata finais de mes.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Por Virginia Villar
Recortei dunha revista o que pretendía que fose un fragmento dun cadro de Klimt. O pé de foto contradicía e trocaba fascinante a súa lectura ó catalogar a imaxe microscópica como enfermidade venérea común, de nome paradoxicamente poético. As clamídeas compartiron dignas parede no meu cuarto, con Kandinsky e Hünderwaser.
Abstraccións, micromundos, paisaxes internas ocultas á mirada do xigante, rescatadas das grutas do cosmos humano. Labirintos orgánicos, redes, deseños caleidoscópicos e espirais que se repiten a tódalas escalas. Estructuras que contemos e ó mesmo tempo conformamos en dimensións que nos sobrepasan.
Son tamén patoloxías cutáneas, figuras espermatozoicas, formaciones celulares sobredimensionadas e marañas hipnóticas as que habitan as salas- laboratorio do CGAC na actual mostra de Antonio Murado.
Vagaxes polares
A exposición avanza como aventura expedicionaria cara ó misterio da pintura, evocadora das viaxes científicas do pasado ós glaciares árticos e desertos xeados da Antártida. Mares abismais, ceos eternos e xélidos ventos, frío soñado... calma sobrecolledora.
O silencio do sublime na súa arte, atracción e pavor que esconden o espíritu romántico dun Friedrich entregado á contemplación da enerxía serea e caótica da Natureza, agora inhóspita, muda, inhabitable nos retiros oníricos de Murado. Un pigmento de perla lambe as superficies dos lenzos con luz de xeo. Baña o espacio, envolve e vela a mirada con calidades fotográficas.
O alquimista
Defende e investiga a autonomía da pintura como universo capaz de construirse. Lenzos abordados en horizontal, sentidos como parte da Terra, pequenas porcións liberadas do estrangulamento do marco e con continuidade na natureza. Paraxes de verniz, augarrás, óleos e esmaltes que modelan a súa particular oreografía.
O Murado alquimista, deixa actuar ós compoñentes e orienta os impulsos da propia pintura, pintura viva. Lugares xeográficos que se revelan descoñecidos á mesma materia que os xenera, entre movementos mántricos disciplinados, que acompasan a imprevisible pero meditada coreografía.