culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

Hábitats inesperados

Mentres buscamos pretextos nas ducias de excusas expositivas que podemos visitar nestas datas estivais, preguntámonos onde podemos atopar as marxes da estrutura expositiva, os límites dos lugares, das arquitecturas, dos centros; todo con motivo da nova intervención de Pablo Orza dentro do proxecto “In-situ” que organizan desde a Fundación Granell en Compostela. Todo pensando nos modos de instalar, mentres marcamos a particular linguaxe creativa deste autor e repasamos o que foron as anteriores escalas neste espazo.

20 / 7 / 2007
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Reparamos nas montaxes que se desprenden da parede e se pousan no chan, figuras, ocupacións, trazos sinuosos percorrendo unha anatomía ou xestos narrados diante do espectador. Manequíns de tea vermella que percorren a nosa memoria na procura dun lugar no pasado da infancia, dos soños, no imaxinado; Jorge Varela foi o primeiro inquilino deste proxecto que se coordina desde a Fundación Granell, nun comezo inesperado que se formula de forma paralela á estrutura expositiva da propia institución. Despois percorreu esa marxe de espazo que se localiza no acceso, no descansiño antes de subir a escaleira barroca, as vontades de micro-narracións de Mauro Trastoy, nunha obra coa que potenciaba unha das súas liñas máis imaxinativas (que vimos na sala Nasa ou na galería Espacio 48), dentro do terreo do debuxo expandido, provocando un diálogo co lugar, coa parede; “De tripas corazón” permitía pensar na incontestable enerxía do debuxo nos nosos días, ao tempo que potenciaba a súa narración de encontros e friccións. De xeito paralelo, Iván Prieto trazou o terceiro episodio na súa particular escenografía de personaxes e dramas, de impulsos literarios. Todos coa necesaria e obvia caracterización de deseñarse e programarse debatendo co espazo, nunha zona de paso, de instante previo ao comezo da visita, incluso de última ollada antes de abandonar a fundación; Pablo Orza provoca, quizais, unha maior densificación deste xogo de entrada e saída, de percorridos e encontros.

Lugar reciclado
O traballo que presenta Pablo Orza nesta cuarta escala de “In-situ” sitúase retratando á perfección a súa particular captura de referentes colectivos, cotiáns, e constatando a súa magnífica habilidade para manexar estruturas de instalación. Nos mesmos argumentos que puidemos descubrir na súa participación na mostra Urbanistas do MARCO, no premio Auditorio de Galicia ou incluso na individual na galería SCQ, formula unha obra que transcorre entre a reciclaxe e a recuperación, entre unha relectura da memoria e o continuo exercicio de relectura, fuxindo das grandes palabras e narracións; nunha orde de entregas que o relacionan con Thomas Hirschhorn, nunha construción de inestabilidades, de fraxilidades cotiáns dispostas en instalacións que reven unha provisionalidade plena de enerxía, de estrañezas. Sempre esa inesgotable procura de recursos, materiais ou fragmentos da nosa sociedade, que se reforzan nunha mensaxe tremendamente poética e suxestiva. Neste caso, mediante a mezcla e recomposición de taboleiros, mobles, restos de mecanismos electrónicos, cables e demais realidades fóra de uso, propoñendo unha posible estrutura: “TPS. Como converter unha esquina nunha máquina de transporte interestelar”. Fainos pensar nas nosas propias posibilidades de recrear e imaxinar a nosa vida, sen tamices nin escenografías, sen filtros depuradores nin traducións; so coa vontade de intentar construir un campo, un relato, unha máquina, de oportunidades.

Artigos anteriores :

Ligazóns
Pablo Orza. Fundación Granell. Praza do Toural. Até 6 de outubro.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org