culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

Os relatos provisionais da arte

Cada cinco anos a cidade alemaña de Kassel acolle a Documenta, un dos certames máis carismáticos da arte mundial. A presente edición, pola que paseamos o pasado agosto, amosa a arte do chamado terceiro mundo analizándoa desde dúas direccións xustapostas: a ollada dos seus protagonistas e o relato dos occidentais.

Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Ata o próximo 15 de setembro estase a tempo de visitar un dos proxectos máis importantes do mundo da arte contemporánea: a Documenta 11 de Kassel. Localizada no norte do país, ponlle tíl á liña marcada polas localidades de Heildeberg, Karlsrue e Franckfurt, preto de Colonia e da emblemática Berlín. Deste xeito, a excepcional visita a Kassel, convértese nunha magnífica excusa para coñecer outras cidades, castelos e catedrais góticas; destacables son os espacios expositivos de Karlsrue, a Manifesta e a excelente exposición de Matthew Barney no Ludwig Museo de Colonia.


Documentos doutro mundo

A Documenta de Kassel é un deses proxectos, como a Bienal de Venecia, o certame de Münster ou, noutro nivel comercial, a feira de Basilea, que se presentan como indispensables para coñecer o pulso da arte actual, inexcusables para un crítico de arte, un historiador, un artista, un xestor cultural, un director de museo ou demais fauna artística. Nacida no 1955, nunha época histórica moi carismática en Alemaña, a Documenta ofrecía un gran piar para comezar a afianzar a delicada situación social e cultural postbélica. Celebrada cada cinco anos, esta cualidade otórgalle un importante papel de síntese e compendio da arte mundial, tomándolle en cada edición o pulso á arte contemporánea, presentando e innovando novas formas e, sobre todo, novos xeitos de entender a cultura actual. Trátase de ensinar, cada cinco anos, unha determinada visión estética; unha misión non categórica que é encargada á un comisario, que nesta edición recae no nixeriano asentado en Nova York Okwui Enwezor.



A temática desta edición foi amosar e narrar o outro mundo, o mundo non occidental, desde dúas vertentes: cos ollos entregados do terceiro mundo e cos ollos líricos do primeiro. A intención non foi contrapoñer, simplemente facer dialogar xeitos de ver e reflexionar. O resultado foi un crisol de autores, máis de cen, que ensinan os seus relatos personais, fálannos e describen as súas situacións políticas, sociais, culturais ou económicas propias, falan en primeira persona, en obras con nomes e apelidos. Un contido práctico, moi directo, que non evita nin esquiva o poético. Por intres o comentario deriva en críticas directas ós problemas sociais, económicas e políticas xurdidos da nosa sociedade poscolonial; serán relatos de inmigración, racismo, éxodo, interculturalidade ou territorio.



Cartas desde lonxe

Despois de horas de autoestrada unha parada no hotel. Aquela tarde de agosto a cidade descubríase tranquila, pouco masificada, liberada das presións turísticas. Nun plano da Documenta localizamos os cinco espacios expositivos establecidos por diferentes lugares do texido urbano: o Museum Fridericinum, a Documenta-Halle, o palacio do Orangerie-Karlsaue, o Kulturbahnhof e, alonxado do centro, o Binding-Brauerei. O paseo discurre agora paseando entre rúas amplas, agora collendo buses ou barcos, despois coñecendo as esculturas públicas que foron quedando das edicións anteriores: a pala de Oldenburg, o remate clásico de Thomas Schütte ou o texto de Jenny Holzer.


Convén destacar que a recente edición presenta unha escasa presencia dos denominados soportes tradicionais, pouca pero exquisita pintura, non así de fotografía -que segue con moita forza- e excasas instalacións, disciplinas que deixan o verdadeiro protagonismo á linguaxe estrela desta Documenta: as proxeccións audiovisuais.


Sobresaen autores moi coñecidos xunto a outro case anónimos; arte político na obra de Alfredo Jarr, Santu Mofokeng, a impecable videoproxección de Shirin Neshat, así como impresionante a instalación de Mona Hatoum, artista israelí que exporá no CGAC o próximo outubro. A explanada espida do Friedrichsplatz ofrece un banco de herba onde tirarse, berber auga e tomar notas. No Kulturbahnhof, situado na estación de ferrocarril, destaca a obra de Bernd und Hilla Becher, Isa Genzken e Constant. Á saída da estación un bus lévamos á Documenta-Halle, un edificio de 1992 construido polos arquitectos Jochen Jourdan e Bernhard Müller, e que traza unha sinuosa curva apertando a ladeira. O interior amosa a verdadeira forza da videoarte: o cineasta catalán Pere Portabella e o Colectivo Cine Ojo. A cuarta das escalas, xa na beira do río no Orangerie, onde asoma a obra do colectivo Simparch.


A última das escalas desta visita remata río abaixo; agardamos nun peirao polo barco que nos levará entre antigas fábricas de ladrillos vermellos e descendendo por esclusas, ata o Binding-Brauerei. Aquí localizamos as propostas máis interesantes, Louise Bourgeois, Annette Messager, Allan Sekula ou Artur Barrio, xunto ás obras sorprendentes de Tania Bruguera, Fabian Marcaccio ou Gabriel Orozco.


Lonxe ou preto, a arte na intersección dun mundo poscolonial, ébrio, escatolóxico, lírico ou racional; todo según polo cristal que miremos.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org