culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

Memorias instaladas

Dispóñense uns dados sobre un campo saídos dun enorme cubilete, despois cuñas pechadas en caixas de parafina e madeira, unha relación de figas de ferro pintadas de branco e boias que descansan nun terreo sen auga. Son fragmentos dunha das traxectorias creativas máis innovadoras da arte galega actual; Carlos Rial representa a opción de resistencia desde unha obra pensada na escultura e, quizais o máis importante, desde o proxecto espacial. Nestas datas podemos descubrir un novo argumento de diálogo na instalación que propón no Espazo Anexo do MARCO.

Atrapade o mensaxeiro
19 / 6 / 2007
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Atopamos o noso escultor rematando de pulir unha das partes da peza que presenta no Espazo Anexo, un enorme desatascador que se instala ao carón doutros, pousados sobre o chan ou a parede, descansando dunha posible loita, dun uso, dun movemento. Sempre recoñecemos en Carlos Rial esa dimensión da escultura integrada nun espazo, pensada, proxectada desde unha vinculación directa co lugar; así advertimos as diversas instalacións que realizou na galería SCQ, no Centro Cultural Torrente Ballester, no Museo Barjola de Xixón ou recentemente na Bienal de Arte de Pontevedra. Presenciamos ese diálogo nunha pira de botellas amoreadas no oco dunha porta, despois unha gran botella formada de taboíñas e unhas barcas de feira brancas, inestable, descansando. Propostas que nos serven de intermedio neste percorrido por novas obras: a relación de pezas que presentan unha ampliación en escala do seu tamaño real (pensamos en boias ou dados), pero tamén esa disposición de incerteza e pregunta, de certo suspense que manifestan. Sucede un encontro, unha invasión e unha posterior inquedanza; tempos dispostos.

Incertezas
En todas as obras de Carlos Rial queremos identificar unha historia, un relato que se metamorfosea no contacto diario, no proceso; advertimos unha determinada acción en pausa, un reflexo dun aparente movemento que tivo lugar. Códigos habituais no seu traballo como a evolución, a relación coa memoria e a propia vida, son dispositivos de retrato desta poética que non evita unha referencia autobiográfica. Os enormes desatascadores que ocupan o Espazo Anexo dispóñense desde unha dimensión de cultura aprendida, dixerida, desde unha inevitable chiscadela de cotidianeidade, de aplastante realidade, pero que se transforman en reflexos de aparentes corpos pousados sobre o chan. O seu dominio do tempo exposto, dos ritmos e desprazamentos do visitante quedan perfectamente claros nesta sucesión de presenzas aparentemente estables que provocan unha pregunta que se controla pegada ao social. Interrogando, nun suspense incerto.
Ligazóns
Carlos Rial. MARCO. Espazo Anexo. Comisaria: Agar Ledo. Rúa Príncipe, 54. Vigo. Até o 26 de agosto.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org