culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

Os dramas

Descoñecemos onde comeza o amor e remata o desexo, nin tan sequera onde se dispón a realidade mentres se fusiona coa ficción, nin o drama dun ser humano en perspectiva de caída. Ignacio Pardo vén protagonizando unha desas traxectorias enigmáticas dentro da creación galega, complicada para os axentes teóricos, pero fortemente suxestiva. Nestes días percorremos a mostra que lle realiza o CGAC, nesa intención de revisitar a un autor fascinado polo corpo e o drama.

Atrapade o mensaxeiro
29 / 5 / 2007
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  


Ignacio Pardo, dentro da súa traxectoria, é un autor inesperado. Foi respaldado a mediados dos anos oitenta como unha das figuras crecentes da videocreación, novidosas e arriscadas —na súa presenza en certames como Vitoria ou Cádiz e en colectivas de tese como “La imagen sublime” ou “Señales de vídeo”—, pero ofreceu un deliberado e consciente silencio afastado dos primeiros planos da actualidade para refuxiarse nunha atmosfera persoal, sen modas, mantendo e perfeccionando unha linguaxe que, como veremos, se presenta perfectamente construída. Esta individual, realizada no soto do CGAC, vén ofrecer un recoñecemento á súa traxectoria, pero sobre todo debuxa unha magnífica lectura do seu traballo, unha poética articulada desde unha impecable montaxe, resumindo un dicionario de capturas e manifestos sobre o drama e o corpo, como fondo e instrumento.

Cando accedemos á mostra, independentemente do cartel que nos advirte de posibles feridas visuais, non queda dúbida que atopamos unha relación de relatos nun entorno de entrega e drama. Desde o comezo da exposición propónsenos moitas das pautas a investigar: unha cabeza afuracada de puntas observa desde o interior dunha furna, como obxecto-reliquia, inerte pero expectante e un bombardeo de masas carnais no vídeo “Tránsito”, unha das súas obras referenciais de finais dos oitenta, demostrando un autor de intención sempre de narración profunda. Posiblemente esas sexan as partículas que non esquecemos, a formalización dun drama, o desencontro de campos visuais e anatomías, o percorrido de emocións en primeira persoa. Asistimos a un retrato do corpo humano, feminino e masculino, na súa severidade de obxectividade carnal, de pura mentira pero verdade.

Corpos de topografía social
Percorremos un corpo tránsito, vida e morte, o corpo canle de reflexión, laboratorio e un corpo espello, de cronoloxías transparentes, pegadas na faciana no visitante; traballos tan construídos como “Senescencia”, nome da mostra, ou as instalacións das dúas salas laterais, “Bosque” (2007), no encontro dunha sexualidade seminal provocando un diálogo coa peza “Triángulo” ou a última instalación “Abrazo” (1995), nunha lóxica de pracer e desexo, de mapa e dicionario de certezas. Ignacio Pardo conforma tamén un lugar, un ámbito, unha sucesións de salas de inesperanza; en vontades de cronoloxías e idades descubertas, feitas carne.

Pero a propia mostra, que non evita adoutrinarnos sobre as reminiscencias cinematográficas do autor, non remata na propia montaxe, senón que Cristina Prego, comisaria desta individual, Eugeni Bonet e Manuel Olveira conseguen provocar novos encontros coa súa obra nas reflexións teóricas que inclúen no catálogo, cun deseño de Antonio Doñate. Seguimos a súa tensión, o seu drama, mentres prolongamos as súas vísceras, corpos e ollos na busca dunha resposta, quizais social. Porque esta mostra, nun plano máis xeral, debería facernos pensar sobre o lugar dos artistas na engrenaxe artística galega, nos que traballan en primeiras autoestradas e nos que subsisten nas marxes. Quedan varios por rescatar e repensar, como sucede con etapas e cronoloxías pasadas; ofrecerlles o lugar da súa lectura.
Ligazóns
Ignacio Pardo. CGAC. R/ Valle Inclán, s/n. Compostela. Até 1 de xullo.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org