Lugares de cor humana
Desde que descubrín unha pintura de Berta Cáccamo, creo que de finais dos noventa, sigo buscándolle un posible título; sigo intentando atopar en cada exposición a súa forza de luz e composición, e sempre o consigo, sempre identifico novas escalas para prolongar a busca. Marco sempre unha relación de posibilidades que se van pousando en cada unha das obras, estes días distribuídas na galería Trinta nunha nova presentación dos seus últimos traballos. Repasando a pintura, despois a abstracción, a paisaxe e de novo a pintura; os signos e as atmosferas, o xesto e o percorrido. Seguimos o seu lugar mentres seguimos atopando.
Atrapade o mensaxeiro
15 / 5 / 2007
Os traballos que presenta Berta Cáccamo nas dúas plantas da galería perseguen un único e claro obxectivo: ser posibilidade. A súa obra traduce instantes de incertezas, de pausas incontroladas e composicións en silencio, á espera. Mentres, seguimos buscándolle un título, quizais sabendo que atopamos os restos de moitos capítulos, de moitas direccións; cada unha das súas entregas redúcese a un encontro único co espectador. Diante, mentres, dentro, penetrando. Non asistimos, deste xeito, a unha mostra diferente, non tanto como cando repasamos un libro coñecido e que reservamos no estante do recordo, nin tan sequera cando lembramos as verdades e mentiras da paisaxe. Así intentamos visitar de novo a obra desta magnífica pintora, non para descubrir nada diferente, quizais o menos importante, dunha obra consolidada nestes máis de vinte anos de traballo, senón para seguir atopando un encontro coa pintura pensada, argumentada, de tramo lento. Unha pintura disposta desde a abstracción depurada, despoxándose de superficies para provocar unha pantalla de alteracións, de cor e movementos.
Percorridos de cor
Berta Cáccamo representa unha das traxectorias máis estruturadas e organizadas da arte galega nestes últimos anos, con presenzas alternas pero constantes en institucións e, de xeito moi expecial, nesta galería. Posiblemente esta mostra siga trasmitindo o mesmo logro de posibilidade dunha pintura ideada desde o reto diario, complexo, diante do lenzo, dos itinerarios nos modos de actuar, do camiño e da entrega. Unha lectura nas dispersións de vermello ou azul, nos vieiros de cor que se amorean en curvas e contracurvas percorrendo unha parcela inesgotable, nos pozos de pigmentos lavados, erosionados. E tamén quedan as escalas, os diversos ritmos da man sobre a dimensión da tea o do papel, como os fragmentos pendurados na parede do fondo, nun grupo de delicados papeis a modo de campos de cores e vibracións, de texturas e murmurios case evaporándose na súa fraxilidade.
Antes de deixar a mostra, atentos ao seu tempo dilatado, extenso, ficamos nos lugares e seguimos atopando títulos nas súas experiencias e nos rexistros dun acontecemento. Por iso, a obra que domina a entrada da galería ofrece un contundente círculo vermello sobre un fondo branco, lixeiramente organizado en parcelas; marcando a cronoloxía enorme, inmensa, dun tempo para a experiencia, aberto, dun lugar que pousa en cada posibilidade, sempre única.