culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

Marxes e desprazamentos

Temos claro que existen varios tipos de exposicións, e xa non pensamos en temáticas nin direccións argumentais; existe unha modalidade de mostra que pretende afectar, interrogar, crear certa incerteza ao espectador desde unha sucesión de propostas escalonadas e progresivas. Así funciona a colectiva "Entre fronteiras" que se presenta no MARCO, na súa planta baixa, e así o comprendemos desde o propio momento de entrada, no tránsito pola relación de propostas distribuídas polas salas e patios, pero, sobre todo, cando saímos e volvemos a redescubrir a propia cidade.

Atrapade o mensaxeiro
17 / 4 / 2007
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  

“Entre fronteiras” é unha mostra comisariada por Carolina Grau, que foi unha das responsables do proxecto “Black box” na pasada edición de ARCO, é unha destacada crítica e comisaria de exposicións. A súa tese persegue unha interrogación, unha pregunta constante sobre a temática clara pero moi complexa das fronteiras; todo disposto desde unha relación de obras que funcionan a modo de documentos, rexistros ou fontes directas entre os que revolve e investiga o visitante. Deste xeito, nada máis entrar, o paseante que penetra no museo ten que posicionarse sobre a súa identidade, a súa relación política e xeográfica: na obra de Šejla Kamerić, disposta aos lados do panóptico do centro, ofrécenos as opcións de acceder sendo “EU Citizens” o baixo o rótulo dun intederminado “Others”. Quizais todo comece a desvelarse desde ese comezo, na nosa propia elección, nesa fusión entre individuo, colectividade, habitante, país ou nación; xeografías, política e territorios en construción. Do mesmo xeito que, como veremos, nos posicionamos diante de cada unha das obra ou das instalacións da mostra.

Atopamos realidades sempre descritas desde o conflito, desde o tránsito; manifestadas moitas veces nunha ferinte primeira persoa, dándolle voz aos protagonistas. Así, na peza presentada no panóptico de Muratbeck Djumaliev e Gulnara Kasmalieva, pantallas de televisión e enormes bolsas de compras, retratan a experiencia habitual das mulleres das repúblicas ex-soviéticas viaxando miles de quilómetros rodeadas de bolsas de mercadorías, mentres escoitamos as súas cancións. Despois, acompáñanos o son até os himnos de Maja Bajević, dispostos en reprodutores dispersos polo chan, mentres o espectador altera cada peza musical e inqueda a lóxica destas composicións, xerando un caos fortemente expresivo e inesquecible; ao seu carón, Santiago Sierra demostra o gran artificio de ser ou identificarse cun país, coas fotografías da súa instalación na Bienal de Venecia, ou noutra sala, Costa Vece construíndo un lugar dos apátridas, dos restos dunha resistencia ou dun imaxinario “territorio libre”.

Terras e marxes
De terras e as súas marxes; de límites. Atopamos esa ambigua relación de etiquetas entre os emigrantes, os exiliados e os habitantes; e sobre todo nesa captura de incertezas que existe detrás da categoría de nación, de límite e conflito. Os graos de conexión de cada un deses elementos, do individuo social e do territorio económico/político, danse cita nos desexos de relatos; na magnífica obra de Chantal Akerman onde se narra a historia da fronteira coma viaxe, unha historia de muller, dos desencontros e as utopías, os soños, na fronteira entre México e EEUU, ou en Istambul, mentres progresamos por biombos de luces e paisaxes nocturnas, de sons de radios e barcos, na intervención de Engin Çavuşoğlu. Discursos que fusionan o social co político, nesas fronteiras tanto físicas como invisibles, nas non-lóxicas que delimitan identidades e economías, cidadáns.

Países receptores e países produtores, países escenario e países utopías. Obras de intercambios e destinos dun grupo de autores que pinchan na realidade desde diferentes xeografías, en relatos de encontros e desencontros, no desprazamento, na emigración, na política, pero sempre desde unha óptica, onde sobresae a mostra, do social, conformando unha tensión local/global desde as sociedades, na primeira persoa; queda perfectamente sintetizado na obra de Alejandra Riera e Fulvia Carnevale, analizando a realidade das mulleres “formigas” na fronteira entre Arxentina e Bolivia; ou na fabulosa peza de Anri Sala onde se describe o intento de reconstrución dunha lingua, quizais esquecida. Fragmentos e desexos de países, artificios e identidades; himnos, lingua, valores, terra e pasado, pero tamén intercambios e habitantes, desprazamentos. Lados e cantos.
Ligazóns
“Entre fronteiras”. MARCO. Príncipe, 54. Vigo. Até o 20 de maio

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org