culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

A importancia dos microorganismos na vida do planeta Terra

Os seres humanos tendemos a considerarnos importantes dentro do que é a vida no planeta Terra, incluso hai relixións que aseguran que a especie humana é o que lle da sentido a este planeta. Estas crenzas son en certo modo comprensíbeis, e até pode ser unha tendencia natural que cada especie –cando menos as que posúen consciencia da súa propia existencia– se considere a si mesma a parte máis esencial da biosfera. Mais, somos realmente importantes? Desde un punto de vista obxectivo, hai algún organismo que destaque por riba dos demais na historia da vida na Terra? Si, mais non somos nós.

11 / 4 / 2007
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Todos os organismos participan na dinámica dos ecosistemas da biosfera (a biosfera é a parte da cortiza terrestre na que se aloxa a vida, e inclúe océanos, continentes e atmosfera), e cada especie, por pequeno que sexa, ten o seu papel. Mais tamén é importante ter en conta que o funcionamento destas redes naturais é moi dinámico, de xeito que as extincións, migracións, invasións, etc., son fenómenos naturais que permiten precisamente a evolución dos sistemas vivos. É como si todas as especies fóramos importantes e prescindíbeis á vez, todo e nada. No entanto, observando a evolución da vida na Terra hai un grupo de organismos que é, en certo modo e desde distintos puntos de vista, dominante.

Non somos nada
Como comentaba máis arriba é fácil pensar que os seres humanos somos o organismo dominante, polo menos na historia máis recente do planeta: temos unha característica interesante, que é ser posuidores do sistema nervioso máis complexo que se coñece –o que permite o afloramento de propiedades extraordinarias como a auto-consciencia, ou o desenvolvemento dunha cultura–; e tamén temos unha grande capacidade de modificación do medio, por exemplo a través da emisión de gases con efecto invernadoiro, que mudan os ciclos dalgunhas sustancias (como o carbono) e inducen modificacións nas temperaturas medias. Mais, con todo, hai un grupo de organismos que ten un peso específico moito, moitísimo maior: as bacterias. Por varias razóns, vexamos algunhas.

As bacterias son organismos formados por só unha célula, que ademais é moi pequena, algo así como unha micra (a milésima parte dun milímetro). Estas células poden dividirse moi rápido e orixinar cantidades enormes de individuos en pouco tempo. Ao falar de bacterias automaticamente as xulgamos desde unha óptica antropocéntrica –normal– e pensamos en enfermidades (cólera, tuberculose, pneumonía, meninxite, etc), mais non noutras cousas como queixo, iogur, antibióticos ou vacinas, na produción das cales participan estes pequenos seres. Incluso se atendemos unicamente ao corpo humano, podemos levarnos sorpresas: no noso corpo hai 10 veces máis bacterias que células humanas! Temos bacterias convivindo a cotío con nós na pel, boca ou no tracto dixestivo; somos un saco de bichos. Se nos tiveran que definir polo número de células, aproximadamente 1 parte de nós sería propiamente humana, e unhas 10 partes serían células bacterianas. Somos seres humanos ou colonias de bacterias?

Breve historia da vida en 5 palabras: bacterias e todo o demais
Postos a describir a vida desde un punto de vista histórico, as bacterias –xunto con outros microorganismos como arqueas e protozoos– teñen sido practicamente a única forma de vida neste planeta durante a maior parte do tempo. Redondeando, hai vida -e bacterias- na Terra desde hai 4 000. Só recentemente, hai uns 600 millóns de anos, apareceron o resto de formas (plantas, animais, etc), na chamada explosión do Cámbrico. Con este nobre avoengo non é de estrañar que se considere que existen moitas máis especies de microorganismos que de calquera outro tipo de vida, e que existan ademais en todos os ambientes imaxinábeis do planeta. Pola contra, os seres humanos, como quen di, acabamos de chegar (a nosa especie ten uns 150-200 mil anos de antigüidade).

A cantidade importa
Se nos fixamos na cantidade a cousa é incluso máis rechamante: os microorganismos constitúen aproximadamente a metade de toda a biomasa planetaria. Isto quere dicir que nun lado da balanza estarían bacterias, arqueas e protozoos, e no outro... todo o demais: fieitos, piñeiros, carballos, baleas, troitas, golfiños, elefantes, repolos, escaravellos, moscas, robalizas, cebras, flamencos, saltóns, toxos e xestas. A cousa pode comprenderse se nos fixamos nalgúns datos: nun mililitro de auga –oito, dez gotas– hai aproximadamente 1 millón de bacterias, e nun gramo de terra –moito menos dun puñado– hai uns 40 millóns. Se se trata de terra fértil agrícola a cousa pode subir até os 1 000 millóns. Case nada.

Cos datos dos dous parágrafos de arriba na man é fácil entender que as bacterias teñen unha importancia clave no funcionamento actual dos ecosistemas, e que son esenciais para a vida de plantas e animais. Un exemplo planetario: os elementos que forman a materia orgánica (como o carbono, o osíxeno ou o nitróxeno) están a moverse continuamente, nun ciclo que inclúe atmosfera-plantas-animais-solo-atmosfera e volta a empezar. Este ciclo non funciona sen as bacterias: son importantes tanto para captar compostos da atmosfera como para devolvelos a ela. Ademais forman parte do ciclo desde os mesmos comezos da formación da atmosfera actual, xa que foron precisamente as cianobacterias (un tipo de bacterias) as que hai 3 000 millóns de anos comezaron a emitir grandes cantidades de osíxeno, modificando radicalmente a composición gaseosa do planeta. E até hoxe.

Un feiticeiro moderno
Para rematar esta visita aos seres diminutos, un experimento moi revelador:
Os científicos, como seres humanos que son, tamén tenden ao antropocentrismo, e isto reflíctese en moitos aspectos da súa actividade. Afortunadamente hai algúns que teñen ideas que poden virar esta tendencia, como Craig Venter, un pioneiro no desciframento do xenoma humano que está empeñado en revelar o valor científico e ecolóxico dos microorganismos. Actualmente coñécese o código xenético duns 3 millóns de proteínas existentes na natureza, moitas delas compartidas entre organismos moi distintos (entre as que se encontran prácticamente todas as proteínas dos mamíferos, incluídas as humanas),... ou coñecíase, porque resulta que o Dr. Venter ven de facer un estudo xenético de microorganismos marinos cun resultado sorprendente: dobrou, así dun golpe, o catálogo de proteínas. Grazas ao seu proxecto, unha expedición en barco arredor do planeta ao estilo das antigas aventuras (chamada GOS: “Global Ocean Sampling Expedition”), conseguiu descifrar unha cantidade inmensa de material xenético, utilizando precisamente bacterias e outros microorganismos mariños, tradicionalmente esquecidos polos investigadores humanos. Agora mesmo o número de proteínas coñecidas e duns 6 millóns.

Esta expedición serve, entre outras cousas, para que nos decatemos de que existe unha riqueza inmensa de microorganismos –a maioría deles aínda por descubrir–, algo que non é de estrañar se temos en conta o tempo que levan na Terra, evolucionando, variando, adaptándose aos cambios do contorno.
Son, en definitiva, os reis da selva.


Ligazóns

Bacterias

Todo sobre a expedición do Dr. Venter

Presentación do Dr. Venter explicando a expedición


Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org