culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

Comendo debuxo

Interpretamos o habitual desde un lugar crítico, pasou coa fotografía, coa novela, coa pintura e agora co debuxo. Percorrer as diversas mostras, máis que partes, do proxecto “O debuxo por diante” supón atoparse, primeiro, coa coincidencia comisarial dun equipo atípico que se xustifica no itinerario e, segundo, cunha tese expositiva que se centra no pulso do debuxo nos nosos días e que se reforza mentres se percorre, non tanto dun modo acumulativo, enchendo, como construtivo. Baixo ese acertado título os tres comisarios ofrecen un percorrido pola historia presente desta disciplina, máis ao modo de reivindicación, de relectura e recoñecemento, a unha técnica e unha filosofía; un debuxo proxecto. Todo, percorrendo diversas institucións e salas da cidade de Compostela, facéndonos o noso propio discurso, mentres comemos debuxo.

Atrapade o mensaxeiro
28 / 3 / 2007
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Sempre recordamos o debuxo, desde que o descubrimos ou, mellor, desde que identificamos nel a súa doutrina sincera, afastada de tópicos e grandes lecturas. O debuxo confórmase na actualidade cun novo tempo, un lugar para o seu recoñecemento e a análise, a recuperación e nunha etiquetaxe de novas tendencias derivadas da banda deseñada, da publicidade ou da ilustración, entre outras. Tamén é un lugar propicio para as modas e as oportunidades, para as obras de doada dixestión; a sucesión de mostras que conforman “O debuxo por diante” perseguen precisamente o contrario desto último, achegándose ao relato longo, nin precipitado nin rápido; a súa principal aposta reside en recoller o debuxo como masa, laboratorio e argumento, nunca como adxectivo nin pretexto. Monse Cea, Eduardo Valiña e Kiko da Silva concilian diversas e variadas dirección dentro dese modo do debuxo, sempre por diante, que rescatan dos fondos das coleccións públicas de Compostela, traballando case en tarefas arqueolóxicas; fiando, mergullando, relendo.

Campos debuxados
Tamén asistimos a unha instalación do debuxo: desde as aforas do Auditorio de Galicia, nos xardíns, onde Rubén Santiago ironiza sobre o funcionamento dos acontecementos culturais; a Igrexa da Universidade na que Mauro Trastoy expande un sentimento escenográfico e dramático cunha gran oblea e un poliño debuxado, mentres se poden ver vídeos no coro ou unha selección de debuxos científicos; a nova sala Zona C, recentemente inaugurada na zona de San Domingos de Bonaval, onde atopamos a Juan Carlos Bracho construíndo dun modo crítico e proxectual desde o debuxo na arquitectura; Ignacio Uriarte nunha das salas da Fundación Granell na que revisa o papel habitual e mecánico no debuxo no traballo, nas súas “accións liberadoras”; ou Irene Van de Mheen discutindo entre o simbólico e o arquitectónico no vestíbulo do CGAC. De forma paralela, o proxecto derívase ao propio feito de produto colectivo, na escolle de numerosas obras distribuídas polas diversas salas, entre os que atopamos Franklin Rosemont, Quintana Martelo, Marcel Duchamp, Berta Cáccamo, Maruxa Mallo, Richard Serra, Arturo Souto, Óscar Villán, Raimundo Patiño, Miguel Anxo Prado, Pamen Pereira ou Rei Centolo, entre moitos outros, conformando o fío coral, constante na súa agrupación, desta iniciativa que redescubre, recoloca, interpreta e provoca desde o debuxo.
Ligazóns
“O debuxo por diante”. Auditorio de Galicia, Fundación Granell, Igrexa da Compañía, Zona C e CGAC. Santiago de Compostela. Até o 29 de abril.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org