Lume sobre o mar
O Museo do Mar de Galicia, realizado por Aldo Rossi e César Portela na periferia litoral de Vigo, realiza unha homenaxe ó mar como motivo iconográfico, fonte de riqueza e icona histórica. Unha ollada narrativa que se presenta na mostra inaugural "1702: Arde o mar", a mesma que visita e analiza o historiador Gustavo Hervella.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Coa exposición Rande 1702. Arde o mar achégasenos unha parte da escura historia de Galicia, non por negativa e si por que estivo relegada ó esquecemento durante anos. Tivo que ser Julio Verne o que nos recordara que nas nosas costas aconteceu un feito extraordinario, que si ben non significou unha viraxe para a política internacional da coroa de Castela, si que constituíu unha lenda para as xa míticas costas galegas. O tesouro afundido na ría de Vigo alimentou pescudas e aventuras, unhas sobre o papel e outras directamente nas augas do Atlántico. As riquezas que nos imaxinamos a través da lectura de 20.000 leguas de viaxe submarino fíxonos soñar con mundos novos, con realidades que en apariencia non estaban lonxanas. A través desta exposición ofrecida nun marco incomparable como é o Museo do Mar ideado polo premiado César Portela, voltamos a sentirnos de novo soñadores dun mundo que non quixeramos irreal. Artiluxios de navegación, mapas, maquetas ou debuxos lévannos ó mundo ideado por Verne, e que nos descobríu os acontecementos que sucederan na costa da cidade Olívica o 22 de outubro de 1702.
A realidade: batalla nas costas galegas
A batalla pode ser imaxinada, facultade esta necesaria para entender a mostra, a través de 300 pezas, máquinas interactivas e proxeccións de video. A colaboración con outros museos europeos foi esencial á hora de levar a cabo este traballo, e isto é unha faceta da que poderían tomar nota outros espacios expositivos, xa que deste xeito o achegamento ó que foi o acontecemento histórico é máis fácil. O complemento ideal foron as charlas efectuadas por especialistas que se sucederon nos dias previos á inauguración do museo. Non podemos esquecer que esta é unha mostra de carácter histórico, logo a comprensión do momento que narra é máis efectiva se esta vai acompañada das puntualizacións de historiadores da talla do catedrático de Historia Contemporánea de Galicia, Xosé Ramón Barreiro ou do tamén historiador Gregorio Casado. Estas e outras intervencións foron realizadas con ocasión dun curso organizado pola Universidade de Vigo na vila de Redondela.
Expoñer a historia
Polo tanto, esta é unha visita obrigada para os amantes deste tipo de mostras, aquí non só apreciamos os obxectos, senón que nos inmiscuimos nun acontecemento destacado da historia da coroa de Castela, e que tivo as costas galegas como marco incomparable. Desde as viaxes ás indias hispanas, a exposición percorre esta parte da historia náutica occidental, deténdose dun xeito destacado na batalla de Rande, para rematar co achegamento á arqueoloxía submarina a través da terceira parte da mostra. Todo rodeado dun grande tesouro, o antropolóxico, como xa anifestou o arqueólogo galo, Jean-Yves Blot.